Estrea en Bueu da nova unidade móbil para tramitar o DNI e o pasaporte

Bueu
04 de abril 2025

O servizo, que visitará o municipio mensualmente, permite completar os trámites nun só día e en apenas 12 minutos

Inauguracion da VIDOC en Bueu
Inauguracion da VIDOC en Bueu / Concello de Bueu

A veciñanza de Bueu xa pode renovar ou solicitar o DNI e o pasaporte sen necesidade de desprazarse a outras localidades grazas á nova unidade móbil da Policía Nacional que entrou en funcionamento este venres 4.

O vehículo, situado fronte á Antiga Casa do Mar, atendeu xa ás primeiras vinte e cinco persoas desde as 09.00 horas.

O alcalde, Félix Juncal, e a tenente de alcalde, Isabel Quintás, visitaron as novas instalacións acompañados por Juan José Díaz, comisario da Policía Nacional de Pontevedra, para comprobar o funcionamento deste servizo que supón unha importante mellora para a cidadanía.

A principal novidade deste dispositivo é que permite completar todo o proceso nun único trámite e nun tempo récord de apenas 12 minutos, cando anteriormente era necesario asistir en dúas xornadas diferentes. Ademais, por primeira vez, os veciños e veciñas de Bueu poderán tramitar tamén o pasaporte sen ter que desprazarse a unha comisaría.

O proxecto, denominado VIDOC (Vehículos Integrais de Documentación), é unha iniciativa da Dirección Xeral de Policía que busca achegar este servizo esencial aos municipios que, como Bueu, non contan con comisarías de policía nin oficinas de documentación.

Con esta incorporación, o municipio convértese no terceiro da provincia de Pontevedra en contar con esta prestación, tras Poio e O Grove.

Entre as vantaxes que ofrece este novo sistema destaca a comodidade ao evitar desprazamentos innecesarios, o aforro de tempo e unha maior accesibilidade para todos os cidadáns.

A unidade móbil visitará Bueu con periodicidade mensual, e as persoas interesadas deberán solicitar cita previa nas dependencias da Policía Local.

Unidade móbil de documentación da Policía Nacional en Bueu
Unidade móbil de documentación da Policía Nacional en BueuConcello de Bueu