"Este verán os socorristas van necesitar moita axuda porque son un colectivo moi exposto"

Pontevedra
16 de maio 2020

Estamos próximos ao "primeiro verán da era COVID-19" e gozar dunha praia ou unha piscina tampouco vai ser igual que antes. Nesta tesitura, chequeamos as advertencias e recomendacións que fan expertos en socorrismo

Probas de socorristas na praia de Mogor
Probas de socorristas na praia de Mogor / Concello de Marín

O colectivo profesional dos socorristas, tanto en espazos naturais como recintos pechados, non ten por diante unha situación fácil. Se á súa conxuntura laboral e a falta de recoñecemento social súmanse os condicionantes e riscos que conleva "o primeiro verán da era COVID-19", administracións e usuarios teñen que adoptar medidas rapidamente e tomar conciencia

Roberto Barcala é profesor e investigador na Universidade de Vigo e coordinador do grupo de traballo de socorrismo da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias. "Anticipar os problemas é fundamental, pero hai que empezar a dar solucións" advirte.

Solucións que neste mesmo momento deben pasar por unha formación rápida e adestramento adaptado á nova realidade, dotación de material, e protocolos claros para identificar riscos en usuarios e en socorristas; sinalando neste punto a idoneidade de dispoñer de test rápidos para este colectivo que estará exposto en rescates e intervencións de primeiros auxilios..

E unha vez que sexa posible a estancia en praias "fomentar máis que nunca a prevención. Isto ten que ser  machacante. E cando os socorristas teñan que intervir ten que haber directrices claras de: como intervir, canto risco poden asumir e se deciden asumilo porque toda vítima en ausencia de información, debería ser tratada como un posible COVID-19".

Calquera actuación deste colectivo vai requirir novos procedementos. Comezando polos organizativos na prestación do servizo; pasando polas vixilancias, asistencias nos postos de primeiros auxilios e terminando nas actuacións de rescate. Nestas últimas Barcala recomenda "promover os rescates desde embarcacións sempre que sexa posible porque van ser máis rápidos e con menores riscos".

Outro experto consultado é Cristian Abelairas, integrante tamén de  SEMES e doGrupo REMOSS, un equipo multidisciplinar de investigadores en Galicia que traballan  colaborativamente para responder as necesidades científicas e divulgativas no salvamento e socorrismo. "En xeral hai incerteza e medo porque en moitos casos as condicións non son as óptimas e esas situacións van ver agrabadas por este virus".

Mirando ás administracións públicas Abelairas engade outra necesidade "investimento, este ano aínda máis e que se entenda como tal, non como un gasto. Tanto investimento en recursos materiais como humanos". E finalmente aos cidadáns que comprendan que "o socorrista non é un can gardián, estamos para protexelos e agora necesitamos que eles tamén nos protexan coa responsabilidade individual, o seu comportamento vai ser fundamental".