Este venres comeza en Bueu a Ruta das Tapas Cinco Estrelas

Bueu
07 de setembro 2022

A iniciativa naceu hai anos co obxectivo de unir o cinema coa gastronomía da vila durante a semana do festival FICBueu

Petisco da Casa Quintela
Petisco da Casa Quintela / Concello de Bueu

Este venres 9 de setembro comeza en Bueu a VII Ruta das Tapas Cinco Estrelas, na que participan un total de trece establecementos que ofrecerán as súas propostas culinarias ata o 18 de setembro.

A concellaría de promoción económica de Bueu organiza esta iniciativa en colaboración co FICBUEU e a Asociación de Hostalaría da vila.

Este roteiro naceu hai sete anos co obxectivo de unir o cinema coa gastronomía durante a semana do festival, de aí que todos os pratos leven o nome dunha película, tal e como apunta Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, quen tamén destaca que "teremos a posibilidade de coñecer un ano máis a diversidade da nosa hostalaría, que é das mellores".

Nesta iniciativa participan un total de trece locais hostaleiros, que ofrecerán os seus petiscos inspirados en películas, e que se poderán degustar tanto ao mediodía como pola noite, nos horarios estipulados. Concretamente participan A Cepa, Buena Vibra, Casa Quintela, Casa Videira, Esmorga, Morriña, Noite Tapas, O Farol, O Ratiño Pequeño, Pyramis, Secretos del Mar, Volver e Casa Benito.

Ademais, a clientela terá a posibilidade de gañar un dos tres vales de 50 euros para consumir na hostalaría. As persoas que desexen participar neste sorteo deberán completar o selado das cinco estrelas do cupón, ao ir degustando as diferentes propostas, e entregalo na Oficina de Turismo de Bueu.