Este Nadal, a Deputación anima a agasallar xoguetes para xogar e soñar libres de estereotipos

Pontevedra
02 de decembro 2022

"Grazas, xoguetes, por axudarnos a soñar libres de estereotipos". Con este lema, a Deputación de Pontevedra puxo en marcha a súa xa habitual campaña de Nadal para concienciar sobre o uso e adquisición de xogos e xoguetes non sexistas e non violentos. Os protagonistas serán Paula Dapena, Pepe Solla, África González, Diego Landín e Emma Lustres 

Presentación da campaña "Grazas, xoguetes, por axudarnos a soñar libres de estereotipos"
Presentación da campaña "Grazas, xoguetes, por axudarnos a soñar libres de estereotipos" / Mónica Patxot

"Grazas, xoguetes, por axudarnos a soñar libres de estereotipos". Con este lema, a Deputación Provincial de Pontevedra puxo en marcha a súa xa habitual campaña de Nadal para concienciar sobre o uso e adquisición de xogos e xoguetes non sexistas e non violentos. 

Un ano máis, convidan as familias e, en xeral, a toda a sociedade, a realizar compras conscientes de xoguete para non contribuír, a través deles, a perpetuación dos estereotipos de xénero e de discriminacións e roles tradicionais que separan os xogos ou as profesións de nenos e nenas. 

Para esta nova campaña, que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou este venres no Pazo Provincial, contan coa colaboración de tres mulleres e dous homes que son referentes nos seus campos, expoñendo as súas infancias e eses xoguetes cos que se entretiñan e que os levaron a crecer con valores de liberdade e a cumprir os seus soños en profesións tradicionalmente asociadas ao sexo contrario. 

A futbolista Paula Dapena, o cociñeiro Pepe Solla, a  inmunóloga África González, o bailarín Diego Landín e a cineasta Emma Lustres protagonizan esta campaña, dirixida a toda a cidadanía e centrada, segundo explicou Carmela Silva, en tres eixos: as persoas do núcleo familiar encargadas de tomar a decisión de comprar xogos e xoguetes; a comunidade educativa; e as redes sociais e círculos de amizades. 

Destes cinco protagonistas, Laura Seara, de Rede Talento Consultoras, responsable da campaña, destacou que son "influencers moi importantes", de aí o seu impacto nas decisións e as aprendizaxes que nacen das redes sociais. 

Esta campaña insiste no papel decisivo dos xogos xoguetes na educación, no desenvolvemento da personalidade e na elección de futuras profesións e, para demostralo, pon os exemplos destas cinco persoas "coñecidas e recoñecidas" da provincia, cuxa influencia vai máis aló, chegando ao resto de Galicia e de España

Así, os elementos centrais da campaña son unha serie de vídeos que se difundirán na web da Deputación e en redes sociais, un conxunto dos cinco protagonistas e outros cinco individuais nos que aparecen cos xoguetes que os inspiraron para soñar e chegar ao lugar que ocupan actualmente e danlles as grazas por terllo permitido.

 

Paula Dapena, coñecida activista feminista de Pontevedra, mostra o balón co que xogaba de pequena e co que se empeñou en seguir traballando ata a actualidade a pesar de que, na súa infancia, os únicos referentes que tiña no mundo do fútbol eran masculinos. Pepe Solla dá as grazas á cociña de xoguete coa que xogaba mentres vía cociñar á súa avoa. África González agradece ter como regalo un estetoscopio que lle animou a ser inmunóloga. Emma Lustres agradece a existencia de cámaras de cinema de xoguete que permite soñar ás nenas e nenos con ser cineastas. Diego Landín sae cos peluches de animais bailaríns que o animaron a perseguir o seu soño. 

Con estas mensaxes tan directas sobre o impacto dos xoguetes que tiñan de pequenos no seu futuro, a campaña transmite tamén unha petición para todos aqueles que educan e compran xoguetes: "Este Nadal aposta polo talento das túas fillas e fillos, aposta por xoguetes libres de estereotipos".

"Xogar marca a vida e o obxectivo é  que nenas e nenos experimenten co xogo e poidan acabar sendo o que desexen libremente e que se abra un gran abanico", insistiu Carmela Silva, que insiste en que o xogo é unha "actividade humana fundamental" que "marca os nosos soños, os nosos desexos, o que queremos ser, pero tamén marca como somos como seres humanos".

Para a presidenta provincial, "se se nos educa en igualdade, se se permite que nenos e nenas teñan a capacidade de elixir libremente con que xogar, como vivir e imaxinar" e ábrenselle novas expectativas de futuro a nivel persoal e funcional, novas posibilidades importantes tanto para nenos como para nenas, pois "non só as nenas teñen pechadas moitas cousas que poderían ser e facer, tamén os nenos".

A campaña inclúe carteis que se difundirán a toda a poboación, os citados vídeos e, en xeral, soportes físicos e virtuais que a partir de próximo mércores 7 de decembro difundiranse por toda a provincia. En Vigo, estará nos autobuses urbanos.

Ademais, incluirá un concurso creativo dirixido á nenas e nenos de terceiro e cuarto de Primaria baixo o lema "O mellor xoguete do mundo", que animará ao alumnado para deseñar un xoguete orixinal, creativo, igualitario e non violento.