Este mércores inaugurase un skatepark provisional en Mollabao ante o malestar veciñal

Pontevedra
29 de agosto 2017

O Concello crea este espazo mentres non estea operativo o previsto na Xunqueira. O deseño, segundo a Asociación de Skate de Pontevedra, busca recrear unha praza pública con bancos de granito e dúas varandas. Os veciños protestan pola retirada das porterías dese recinto

Representantes da Asociación Skate de Pontevedra visita as obras no Skatepark temporal de Mollabao
Representantes da Asociación Skate de Pontevedra visita as obras no Skatepark temporal de Mollabao / Cristina Saiz

Brandan Philips e Ramón Follente, secretario e tesoureiro da Asociación de Skate de Pontevedra, móstranse satisfeitos pola creación dun parque provisional para practicar o seu deporte preferido en Mollabao, baixo a autoestrada.

Levan case once anos reclamando a instalación dunha pista desde que se retirou a que tamén se atopaba noutra das parcelas de Mollabao porque supoñía un perigo para os usuarios. A partir de aí tivéronse que ir adaptando a distintos espazos urbanos, a praza de Santa Clara e ultimamente a contorna de Santa María, espazos nos que os veciños mostraron o seu malestar polo ruído e os danos que poden causar no mobiliario urbano

Hai pouco máis dun ano, estes mozos decidiron montar unha asociación deportiva para poder manter encontros cos representantes políticos e ter voz. Entre os 180 socios que conforman este colectivo de skaters na cidade, un deles é arquitecto e elaborou un proxecto para crealo na parcela da rúa 12 de Novembro.

Ao final, o goberno local decidiu que a mellor opción era crear o skatepark no campus universitario, pero esa proposta leva tempo. Desta forma, os mozos solicitaron un espazo temporal e por iso, desde o pasado venres, retiráronse as porterías da pista de Mollabao para comezar a limpeza da contorna e a instalación de dúas varandas de aceiro negro e cinco elementos de granito. Unha proposta que pretende recrear unha praza do centro dunha cidade na que os skaters poidan realizar as súas prácticas. 

MALESTAR VECIÑAL

A decisión molestou os veciños da Asociación Veciñal Mollabao Si. Un veciño e xerente dun establecemento comercial, Manuel, sinala que entende aos skaters pero lamenta a actuación do Concello. Sinala que ninguén lles comunicou a decisión de retirar as porterias da pista que era utilizada por menores e adultos para xogar e practicar deporte desde hai anos.

A este grupo de veciños resúltalles indiferente que se trate dun proxecto temporal porque "provisionalmente onde van xogar os nosos fillos no barrio?", indica Manuel, engadindo que "sabemos que isto non lles vai a quitar de ninguén. Esta medida temporal igual dura varios anos e que imos facer". Reclaman que se instale unha nova pista para outras prácticas deportivas, "isto é desvestir un santo para vestir a outro", sinalan apuntando que agora os nenos teñen que desprazarse ata Campolongo para atopar un espazo no que xogar.

Veciños de Mollabao: "isto é desvestir un santo para vestir a outro"

Brandan Philips, da Asociación de Skate, recoñece o prexuízo que se lle causa a estes veciños que utilizaban a pista pero sinala que como usuario de patín "defendo os nosos intereses. Fomos un colectivo ao que nos levan machucando durante anos".

O recinto permanecerá aberto sempre aínda que a asociación recomendará un horario de uso para que non se moleste co ruído aos residentes na zona e, aínda que está previsto para o uso de patíns, non se opoñerán á presenza de bicicletas ou de scooters.

Ademais, Ramón Follente afirma que  teñen previsto organizar competicións deportivas en breve prazo de tempo para dar a coñecer este novo espazo pero aclara que o seu obxectivo continúa sendo o de lograr un espazo definitivo no campus da Xunqueira que cumpra as expectativas de todos os afeccionados a este deporte cun parque con máis ramplas, cambios de nivel e elementos adaptados para esta espectacular actividade.

Este mércores ás 18.30 horas levarase a cabo a presentación deste parque temporal de skatepark á que asistirá o concelleiro responsable, Demetrio Gómez.