A semana comeza con choivas nas Rías Baixas, que ao longo dos próximos días desaparecerán para establecerse un tempo seco.
Durante este luns 8 de abril, unha fronte activa atrae aire frío a toda Galicia. Os ceos permanecerán nubrados con precipitacións persistentes durante as primeiras horas do día. Ao longo da tarde están previstos chuvascos ocasionais, que irán retirándose cara ao norte ao longo da noite. As temperaturas situaranse entre 7 e 15 graos, valores baixos para esta época do ano. Os ventos soprarán do noroeste moderados, con intervalos fortes durante a mañá, segundo Meteogalicia.
A influencia das altas presións centradas sobre o noroeste peninsular comprobarase a partir do martes. Traerá tempo seco e ceos pouco nubrados ou despexados a partir da tarde. As temperaturas van moverse entre 5 e 18 graos, experimentando un lixeiro descenso na madrugada. O vento soprará frouxo do noroeste.
Xa o mércores 10 a influencia do anticiclón será evidente coa entrada de aire cálido en superficie. Haberá néboas no interior á primeira hora e ceos practicamente despexados en xeral ao longo de toda a xornada. As temperaturas máximas ascenderán aos 22 graos, unha subida notable, mentres as mínimas manteranse nos 5 graos. O vento soprará frouxo de compoñente norte.
Estas altas presións manteranse ao longo da semana coa presenza dunha masa de aire cálido. As temperaturas irán ascendendo de maneira progresiva chegando aos 25 graos.