Chega o momento dos nenos na programación das Festas de Verán da cidade. Ábrese este luns co ciclo de teatro, música, maxia e circo "Cultura no Camiño", que continuará con Cinema na Lúa, unha programación basicamente para público familiar, e seguirá co xa clásico Animatrón que se celebrará nas Palmeiras a primeiros de agosto.
Un dos obxectivos da programación de Festas de verán do Concello é incluír actividades para todos os públicos, polo que o infantil "ten que ter unha gran pegada" debido á intensa vida que fan os nenos nas rúas e prazas da cidade durante todo o ano.
A programación comeza con Cultura no camiño que será dende o luns 18 de xullo até o domingo 24. Todos os días na Praza do Teucro a partir das 19.30 horas.
- Luns, 18 de xullo: 19.30 h Teatro infantil: Acuario de Ghazafelhos
- Martes 19 de xullo: 19.30 h Maxia infantil: Trío de Ases Expresión Produccións
- Mércores 20 de xullo: 19.30 h Teatro/musical: Golfiños Golfiños
- Xoves 21 de xullo: 19.30 h Teatro: O poeta do Miño Polo Correo do Vento
- Venres 22 de xullo: 19.30 h Teatro/monicreques: Barriga Verde Viravolta Títeres
- Sábado 23 de xullo: 19.30 h Música: A Banda das Apertas Magín Blanco
- Domingo 24 de xullo: 19.30 h Novo Circo: Picadillo Circus Duende Sico.
Esta semana tamén comezará Cinema na Lúa. Será o mércores, 20 de xullo e rematará o domingo 24. As proxeccións serán todos os días a partir das 23.00 horas na praza da Pedreira.
As películas son:
- Mércores, 20: Samba
- Xoves, 21: Bestias del sur salvaje
- Venres, 22: Free Birds (Vaya pavos)
- Sábado, 23: Los mundos de Coraline
- Domingo, 24: Guillaume y los chicos, a la mesa
E antes de que cheguen as festas da Peregrina, a programación infantil volve a ter outro dos seus pratos fortes. Será o Animatrón 2016 que se celebrará no parque das Palmeiras dende o 2 ao 5 de agosto.
A programación do Animatrón prolongarase todos os días de 18.00 a 21.00 horas e están previstas actividades de animación, zancudos, pallasos, monociclistas e a ludoteca "Constrúe a túa nova cidade".
Tamén están programadas actuacións do home orquestra, xogos musicais, monicreques e maxia. e obradoiros temáticos distintos cada día: "Ponte-chef", "Mundo-globo", "Circo" ou "Olimpíadas".