Este luns 13 de maio, debido ás obras que se executan na Praza de Barcelos, permanecerá pechada ao tráfico a entrada á rúa San Antoniño desde a Rúa Pai Gaite.
O acceso ao centro da cidade, desde a zona norte da cidade, deberá realizarse circulando pola Rúa Xosé Malvar cara a Eduardo Pondal. Só vai permitirse o acceso cara á Praza de Barcelos.
O horario de peche previsto será de 10.30 a 13.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas.
Fóra desas horas, a circulación non se verá afectada polos traballos.
A pavimentación da Praza de Barcelos tamén conlevará o peche da praza durante o martes 14 e o mércores 15 de maio, en horario continuo desde as 08.00 ata as 19.00 horas.
Só permitirase o acceso ao aparcamento soterrado de Barcelos.
COLEXIO DE BARCELOS
Tamén está todo listo para que a partir de hoxe luns, a construtora Gramade inicie os traballos de reparación do ximnasio do colexio de Barcelos, ademais doutras instalacións do centro. Todas elas víronse afectadas polo desmonte da parcela lindeira (na rúa do Rouco) para a construción dun edificio que está a executar a mesma empresa que agora asume a reparación.
Segundo o proxecto elaborado polo Concello de Pontevedra a intervención ascenderá a 73.039,14 euros que paga integramente Gramade.
O Concello informou esta semana tanto á Consellería de Educación como á Dirección do centro de que está todo disposto para que a empresa poida iniciar a reparación o luns, 13 de maio.
Logo da aparición de fendas e danos no edificio a finais de novembro de 2023, o Concello de Pontevedra ordenou a paralización da obra, a consolidación das estruturas do desmonte da parcela lindeira e contratou unha diagnose en decembro de 2023 sobre a situación do centro de ensino e un proxecto de reparación. O obxectivo era garantir a seguranza de toda a comunidade educativa e recuperar o uso da instalacións actualmente pechadas (acceso pola rúa do Rouco, sala do profesorado, ximnasio, instalacións anexas, patio...) con "criterios de excelencia".
As obras comezarán por elevar, asegurar e afianzar a cimentación do pavillón e, a partir de aí, realizaranse obras de diferente teor en función das necesidades construtivas nos muros e paramentos, tamén a reparación das fendas con resina ou morteiro, grampas e técnicas de arriostramento.
Ademáis procederase á desmontaxe de muros de cantaría e reconstrución posterior, á demolición e reconstrución de todos os muros que o precisen. Nos pisos cometerase a reparación de todos os azulexados, pintados, falsos teitos, portas, fiestras... que o precisen e a reparación da instalación eléctrica.
O concelleiro de Educación, Demetrio Gómez, explica que "se non xorden inconvenientes", o CEIP de Barcelos funcionará con completa normalidade no curso 2024-25.