Este luns empezan as obras de humanización entre o miradoiro da Peixeira e o campo de San Roque

Sanxenxo
13 de setembro 2024

Recuperar a fachada marítima do emblemático miradoiro portonovés da Peixeira e humanizar a conexión co campo de San Roque son dous dos obxectivos da actuación

Visita do alcalde antes das obras na zona do mirador da Peixeira
Visita do alcalde antes das obras na zona do mirador da Peixeira / Concello de Sanxenxo

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e o concelleiro de Servizos, Yago Torres, visitaron este venres o miradoiro da Peixeira e a súa conexión co campo de San Roque onde está previsto que o vindeiro luns comecen os traballos de humanización. 

Os accesos a garaxes estarán garantidos durante a obra, exceptos cortes puntuais, e o Concello habilitará a partir de mediados de outubro o aparcamento da Perla só para residentes para facilitar o estacionamento a veciños que viven no casco antigo da vila.

A empresa Misturas, Obras e Proxectos será a encargada de executar os traballos por case 943.000 euros. Unha actuación que abarca unha superficie total de 3.100 metros. A Deputación de Pontevedra asume o 80% do custo total da obra, a través do programa de infraestruturas e dotacións singulares (PON2030), mentres que o Concello de Sanxenxo pagará o 20% restante.

Recuperar a fachada marítima do emblemático miradoiro portonovés da Peixeira e humanizar a conexión co campo de San Roque son dous dos obxectivos da actuación. A intención é que a praza e a fronte marítima reconecten coa súa orixe. Así, o proxecto contempla unha serie de plataformas, enlazadas mediante ramplas accesibles e escaleiras, que conectarán de forma directa a Praza de San Roque e a Avenida de Pontevedra.

Tanto as vivendas como a parte alta do núcleo antigo de Portonovo veranse beneficiadas por unha accesibilidade universal e inclusiva. O protagonismo do espazo será para o peón, polo que o tráfico rodado quedará relegado a un segundo plano mediante estratexias de acougado de tráfico, colocando badenes na entrada e saída da zona.

No vial da Avenida de Pontevedra, o único con acceso rodado, limítase o paso do vehículo a un carril dunha soa dirección. Dentro dos obxectivos do proxecto atópase a eliminación, na medida do posible, das barreiras arquitectónicas, visuais e ambientais.

FEIRA DE OPORTUNIDADES

O comercio de Sanxenxo traslada esta fin de semana a súa oferta á Praza dos Barcos con motivo da Feira de Oportunidades organizada polo Centro Comercial Urbano Entretendas.

A tenente de alcalde, María Deza, xunto á concelleira de Economía, Paula Martínez, visitaron esta mañá acompañadas do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén Castro, e o presidente de Entretendas, Julio Presas, os distintos expositores con motivo da inauguración da cita.