Ponte Caldelas gritou este luns con forza "non á violencia", desde o "silencio e a rabia contida", declarou o alcalde, Andrés Díaz, "para que esta xornada de violencia vivida esta fin de semana non se volva a repetir nunca máis".
O Concello de Ponte Caldelas decretou este luns tres días de loito polo seu veciño Manuel Rivas Muíños, que morreu o sábado acoitelado a mans da ex parella da súa noiva. A corporación local participou, posteriormente, xunto a veciños nunha concentración de repulsa.
O alcalde, Andrés Díaz, leu un manifesto consensuado por todos os grupos no que se expresaba a "repulsa á violencia, veña de onde veña, como un comportamento execrable e vergoñoso para a condición humana e mostra do fracaso dos valores sociais que deben soster a nova sociedade do século XXI que entre todos estamos a soster".
O rexedor fixo fincapé na defensa da "intolerancia" contra este tipo de actuacións porque"reivindicamos a liberdade de elección das persoas sobre as súas vidas, como principio irrenunciable da convivencia entre os seres humanos. Non hai causa nin razón que poida ser lexitimada polo uso da violencia".
Toda a corporación lamentou a morte de Manuel Rivas, de 39 anos, "veciño moi coñecido e querido por todos, Manuel Rivas Muíños, Manolán".
Ademais, Andrés Díaz recalcou que o Concello avoga por "poñer o seu gran de area" para fomentar que as "novas xeracións" desde idades temperás sexan "concienciadas" fronte a este tipo de actitudes.
Na concentración os asistentes gardaron un minuto de silencio polo veciño falecido no "tráxico suceso" ocorrido na mañá do sábado no domicilio que a vítima compartía coa súa parella na rúa México de Ponte Caldelas.
"Nunca imaxinas que estas cousas poidan pasar no teu pobo", dixo Andrés Díaz antes de sinalar que Ponte Caldelas "está en duelo, entristecida e rota pola dor dunhas familias vítimas da violencia". Tanto o falecido como o presunto asasino son veciños desta localidade, "isto é un drama no pobo".
"Estamos todos moi afectados, desconsolados", dixo o alcalde antes de despedirse dos numerosos medios de comunicación que acudiron á concentración.