Afectados polas preferentes das Plataformas de Pontevedra-Marín e O Salnés retomaron este martes as súas mobilizacións tralo parón da Semana Santa. Fixérono mobilizándose ante a sede da Subdelegación do Goberno e a continuación ante a Deputación provincial. Un importante dispositivo policial vixiaba cada un dos seus movementos aínda que as protestas desenvolvéronse sen ningún tipo de incidentes.
Na sede da Deputación solicitaron unha entrevista co presidente, Rafael Louzán, que hoxe se atopaba en Santiago. Segundo dixo a portavoz de Pontevedra, Rosana Prado, "queremos que nos explique todo o tema da quita, porque os canxes non están nada claros, e pedímoslle que pescude cal é a saída que nos dan". Mais por riba de todo, estes afectados das Plataformas de Pontevedra-Marín e O Salnés están interesados en que se manteña a arbitraxe "que fale con quen teña que falar", insístenlle a Louzán.
Segundo informaron os afectados a pasada semana chegaron a varios concellos de Baixo Miño "ao redor de corenta novas cartas" convocando aos afectados ante o árbitro "si para que isto continúe e haxa máis arbitraxes temos que pecharnos nos concellos asegúrovos que a xente está disposta a facelo agora mesmo", advertiron.
"Sempre nos dixeron que quen ameace, se peche, ou presione non vai recuperar o seu diñeiro, mais está ocorrendo ao revés. Parece que a solución que nos están dando é que os que non cobramos fagamos o mesmo", declarou Rosana Prado, "estamos convencidos de que sen presión non hai solución". En Deputación tomaron nota do recado e nos próximos días quedaron en dar unha resposta "co que sexa".
Mentres tanto o Xulgado de Primeira Instancia 4 de Pontevedra acaba de condenar a Novagalicia a devolver 5.520 euros a un cliente da Lama pola forma en que se comercializou as preferentes. E para este martes está convocada unha asemblea en Sanxenxo, ás 20:00 horas no edificio de usos múltiples, para organizar os seus próximos movementos, explicou a voceira do Salnés, Rosana Balboa, "seguramente faremos unha concentración semanal", adiantou.
"Os ánimos están un pouco máis caldeados despois do conflito coa alcaldesa, porque a maioría eran afines a Catalina e votantes do Partido Popular, moitos ata familiares, e agora non entendemos este cambio de comportamento", afirmou Rosana Balboa "con isto buscáronse un problema engadido e innecesario".