Estáfanlle case 40.000 euros en Cambados co "timo do fillo en apuros"

O Salnés
13 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Catro mozos residentes en Barcelona estafaron un veciño desta localidade co coñecido como "timo do fillo en apuros", contactando coa vítima a través de Whatsapp. Esta persoa, convencida de que se estaba a comunicar coa súa filla, realizou once transferencias a distintas contas bancarias por un importe de 39.731 euros

Axente do equipo de investigación tecnolóxica da Garda Civil
Axente do equipo de investigación tecnolóxica da Garda Civil

A Garda Civil investiga a catro mozos residentes en Barcelona, tres homes e unha muller con idades comprendidas entre os 21 e os 27 anos, como presuntos autores dun delito de branqueo de capitais e estafa en Cambados.

Todos eles, segundo os investigadores, estafaron a un veciño desta localidade co coñecido como "timo do fillo en apuros", contactando coa vítima a través de Whatsapp.

Tras identificarse como a súa filla, solicitáronlle diñeiro para satisfacer uns pagos pendentes, apelando á necesidade e a urxencia do abono.

Esta persoa, convencida de que se estaba a comunicar coa súa filla, realizou once transferencias a distintas contas bancarias por un importe de 39.731 euros

A partir de aí, os ciberdelincuentes efectuaron un movemento rápido da contía defraudada para evitar ser detectados.

Das once transferencias iniciais, ao contar con múltiples persoas involucradas na fraude, emitían á súa vez novas transferencias, compras en liña e retiradas en caixeiros, que segundo os investigadores son condutas relacionadas co branqueo de capitais.  

A Garda Civil logrou identificar os membros do grupo que estaba detrás desta estafa tras analizar os pagos e as transaccións realizadas a través destas contas bancarias.

Os catro investigados, segundo informou o instituto armado, teñen antecedentes policiais por feitos similares.

As dilixencias foron entregadas no xulgado de garda de Cambados.