Estafan 2.000 euros a unha veciña de Poio de 91 anos co 'timo da estampita'

Poio
20 de novembro 2024

Sucedeu na mañá do martes. Dúas persoas abordaron esta muller nas proximidades da rotonda da Barca, un menor adolescente que se facía pasar por unha persoa con discapacidade e outro home de 50 anos

Carro da compra da vítima do timo da estampita en Poio
Carro da compra da vítima do timo da estampita en Poio / Policía Local de Poio

Unha veciña de San Salvador de Poio de 91 anos converteuse esta semana en vítima do coñecido como 'timo da estampita', no que lle estafaron 2.000 euros. 

Sucedeu na mañá do martes, 19 de novembro. Dúas persoas abordaron esta muller nas proximidades da rotonda da Barca, un menor adolescente que se facía pasar por unha persoa con discapacidade e outro home duns 50 anos.

Estes dous timadores ensinaron á muller unha mochila que supostamente estaba chea de cartos e logo acompañárona en coche ata a súa casa.

Alí, na vivenda da nonaxenaria, lograron facerse con 2.000 euros

Neste tipo de timo, os descoñecidos achéganse a persoas maiores na rúa ofrecendo facer un trato ou negocio rápido.

Teñen supostos paquetes de diñeiro, ens e o que se fai pasar por persoa con discapacidade dille que ten presa por conseguir unha pequena cantidade de cartos menor que todos eses billetes que lle ensina. 

O segundo estafador ofrécese a acompañar á vítima ao banco ou ao seu domicilio para coller cartos e cambiarllos por todos os billetes que levan na bolsa. Cando fan o cambio, vanse.

No momento no que marcaron os dous estafadores, esta veciña de Poio de 91 anos deuse conta de que os billetes eran falsos e acudiu á Xefatura da Policía Local. 

Esta muller chegou ás dependencias policiais sobre as 12.00 horas do martes moi nerviosa solicitando axuda aos axentes.

Cando lles contou o sucedido, os policías mobilizáronse e lograron recuperar o carro da compra da muller dentro dun contedor de lixo na Caeira.

A Policía Local tamén logrou identificar un vehículo e agora continúa coa investigación para lograr dar co paradoiro dos autores.