O goberno de Sanxenxo decidiu que o paseo de Silgar e a avenida de Rafael Picó teñan zonas de prioridade para viandantes durante as 24 horas do día. A medida súmase aos tramos nos que xa existía preferencia peonil en horario de tarde noite.
A intención do goberno de Telmo Martín é garantir que se manteña a distancia de seguridade entre as numerosas persoas que se esperan durante este verán nestas rúas. A medida aplícase naqueles espazos onde conflúen tránsitos peonís complexos ou nos que as beirarrúas son máis estreitas.
Estas zonas distinguiranse con claridade ao estar pintadas de vermello con círculos brancos. O paseo de Silgar contará con dúas zonas de preferencia peonil durante as 24 horas. Trátase do tramo que vai desde a primeira escaleira de baixada á praia ata a praza Compostela na Rúa Madrid e o segundo tramo será diante do parque de Punta Vicaño.
Tamén na avenida Rafael Picó marcaranse espazos de prioridade peonil como o que se atopa na curva e o que transcorre á altura das escaleiras que baixan da Rúa Progreso a Rafael Picó.
Esta prioridade non leva aparellado, segundo explican desde o goberno local, que se limite o paso de vehículos que precisen percorrer estas zonas pero deberán circular á velocidade mínima e coa máxima precaución ante a presenza de peóns.