Estabilizado desde as 3.00 horas da madrugada o incendio que calcinou polo menos 20 hectáreas en Aguasantas

Cerdedo-Cotobade
18 de setembro 2024

A Consellería do Medio Rural deu por estabilizado o lume, iniciado ás 17.19 horas do martes e no que se mobilizou un amplo dispositivo de medios de extinción que traballou sen descanso durante toda a noite

Traballos de extinción do incendio en Aguasantas
Traballos de extinción do incendio en Aguasantas / Concello de Cerdedo-Cotobade

A Consellería do Medio Rural, no seu primeiro boletín de actualización este mércores sobre o estado dos incendios forestais activos na comunidade, deu por estabilizado o lume declarado en Aguasantas, no Concello de Cerdedo-Cotobade.

O amplo dispositivo de extinción despregado traballou toda a noite sen descanso, conseguindo estabilizar o incendio ás 3.01 horas da madrugada, confirma Medio Rural.

O lume declarouse ás 17.19 horas do martes, e segundo as primeiras estimacións oficiais afecta a unha superficie de polo menos 20 hectáreas.

Para atacar as chamas mobilizáronse 12 axentes, 26 brigadas, 20 motobombas, 2 pas, 4 técnicos, 5 helicópteros e 6 avións.