A Consellería de Sanidade comunica este sábado 26 de marzo un total de 2.532 pacientes con infección activa na área sanitaria de Pontevedra - O Salnés, 22 casos máis que os rexistrados o venres.
Permanecen 43 persoas enfermas hospitalizadas en planta: 35 no Hospital Montecelo e 8 no Hospital do Salnés. Ademais, na Unidade de Coidados Críticos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra mantéñense dous pacientes con covid-19.
En canto á realización de PCR, nas últimas 24 horas fixéronse 237, cun total de 217 novos positivos, segundo informan desde a xerencia da área sanitaria. Trátase de 31 contaxios menos que na xornada deste venres 25.
Desde o inicio do plan de continxencia por esta enfermidade curáronse 59.757 pacientes, 197 máis que na xornada do venres. Non se rexistraron novos falecementos e o número de vítimas infectadas polo virus mantense en 264 pacientes.
A incidencia acumulada a 14 días en Pontevedra ascende a 990 por cada 100.000 habitantes.
DATOS COVID EN GALICIA
Saúde Pública confirma nos datos deste sábado a morte de 4 persoas con coronavirus en Galicia. A cifra total de falecementos ascende a 3.198 pacientes desde o inicio da pandemia na comunidade.
Tamén sobe lixeiramente o número de casos activos con catro casos situándose en 23.684 persoas enfermas. Descende en 9 persoas o número de hospitalizacións en planta establecéndose en 439 nos centros hospitalarios de Galicia. Pola contra, aumentan en 3 pacientes os casos graves con 24 persoas nas Unidades de Coidados Críticos.
Por áreas sanitarias, os casos activos son os seguintes: A Coruña-Cee: 5.001 (+27); Vigo: 4.534 (+76); Santiago-O Barbanza: 3.901 (-3); Lugo: 2.744 (-73); Ourense: 2.576 (-106); Pontevedra-O Salnés: 2.532 (+22); Ferrol: 2.297 (+65); e sen área sanitaria asignada: 99 (-4).
Nas últimas 24 horas detectáronse 2.109 positivos novos. Son 60 contaxios diarios menos respecto a os notificados na xornada do venres e 11 menos que os rexistrados o sábado 19.