Estabilidade na evolución da covid-19 na área sanitaria: 16 novos contaxios e un paciente máis no hospital

Pontevedra
03 de xuño 2021
Actualizado: 13:56

Este xoves 3 de xuño, hai 247 casos activos, un menos que o día anterior, tras detectarse un número de novos contaxios similar ao de xornadas pasadas -agás o mércores-. Hai 16 pacientes nos hospitais da área sanitaria, un máis. Non hai cambios na unidade de Coidados Críticos de Montecelo, onde se manteñen dous 

Realización de test PCR
Realización de test PCR / Mónica Patxot

A evolución da pandemia da covid-19 entrou na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés nunha situación de estabilidade na que os cambios se producen pouco a pouco. Este moves 3 de xuño, hai 247 casos activos, un menos que o día anterior, tras detectarse un número de novos contaxios similar ao de xornadas pasadas -agás o mércores-.

En total, segundo o último balance do Servizo Galego de Saúde, nas últimas 24 horas confirmáronse 16 novos contaxios, pero os casos activos non subiron porque tamén se deron 17 altas sanitarias a pacientes curados

Do total de casos activos, 231 evolucionan no seu domicilio con síntomas leves ou asintomáticos e hai 16 pacientes ingresados nos hospitais da área sanitaria. É un paciente máis que o mércores. 

Non hai cambios na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, onde se manteñen dous pacientes ingresados. Hai 14 en planta de hospitalización, un máis que o día anterior. Deles, 11 están no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 3 no Hospital do Salnés. 

Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 faleceron na área sanitaria 181 persoas. A última sucedeu o día 1 de xuño, pero confirmouse este mércores. Trátase dunha muller de 81 anos que estaba ingresada en Montecelo e presentaba patoloxías previas.

En canto á realización de PCR’s, nas últimas 24 horas foron 730, que elevan a 237.656 o total das xa efectuadas desde o inicio da pandemia.

Ata o de agora, curáronse na área sanitaria 13.866 pacientes (17 na última xornada).

EVOLUCIÓN EN GALICIA 

A nivel autonómico, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade confirma que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.156, 50 menos que o mércores. Na última xornada confirmáronse 106 novos positivos e déronse 154 altas epidemiolóxicas.  

Do total de pacientes positivos, 107 están ingresados, 20 están en UCI e 87 en unidades de hospitalización. Os 2.049 restantes evolucionan no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, Ourense iguala os 164 casos activos do mércores e medran en dúas áreas: en Ferrol pasan a 114 (11 máis) e en Lugo a 269 (1 máis). No resto de Galicia, hai menos casos. Na Coruña hai  357, catro menos; en Pontevedra, 247 un. menos; en Santiago, 370, 30 menos; e en Vigo, 635, 27 menos

 Polo de agora, en Galicia hai un total de 122.550 persoas curadas e confirmáronse 2.422 falecementos.  

O número de PCR realizadas é de 2.265.299 e o número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 1.935.286.