Esta semana comezarán os traballos para a recuperación dos terreos queimados

Pontevedra
23 de outubro 2017

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán determinará as zonas e medidas de actuación. Darase prioridade aos lumes de máis de 300 hectáreas, sen descoidar outros de menor extensión pero que afectaron zonas sensibles

Voluntarios medioambientais
Voluntarios medioambientais

Técnicos de diferentes departamentos da Xunta empezarán esta semana a traballar para avaliar a situación dos incendios forestais e planificar as medidas necesarias de actuación sobre os terreos, co fin de evitar o arrastre de cinzas e favorecer a recuperación da vexetación, así como o control da calidade da auga.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, explicou que se lle dará prioridade aos lumes que afectaron máis de 300 hectáreas, sen descoidar outros de menor extensión pero que afectaron zonas sensibles.

Este luns a titular de Medio Rural presidiu a mesa de coordinación de accións técnicas post-incendios, como primeiro paso na toma de decisións técnicas trala vaga de lumes.

A conselleira destacou, tras este encontro de traballo, a importancia de coordinar a información sobre o sucedido e a actuación posterior, para optimizar os esforzos de todos os axentes implicados. Trátase, engadiu, de "reforzar a coordinación e evitar a improvisación".

Ángeles Vázquez sinalou que, entre outras medidas, estudarase o uso de técnicas de protección do chan como o mulching ou o helimulching (utilizar unha cobertura de palla nas zonas queimadas, para evitar arrastres), así como a instalación de barreiras e mesmo de mallas de xeo-téxtil en áreas a carón do mar, para protexer os bancos marisqueiros.

Ademais, a titular de Medio Rural dixo que nos traballos técnicos participarán expertos do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán, que coordinarán os estudos preceptivos para determinar as zonas e medidas de actuación. 

Arquivado en