Esta é a programación do Nadal en Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade
07 de decembro 2022

O Concello de Cerdedo-Cotobade pon en marcha tamén un concurso de decoración de Nadal con premios para familias e comercios  

Visita dos Reis Magos a Cotobade
Visita dos Reis Magos a Cotobade / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade presentou a programación para o Nadal onde se mesturan actividades de lecer para os cativos con música, teatro e que culminará cunha gran cabalgata dos Reis Magos por todos os recunchos do municipio. 

Este ano, o Concello pon en marcha un concurso de decoración de Nadal no que poderán participar, en sendas categorías, familias e establecementos comerciais que competirán por catro premios de 150 euros cada un.

O acendido de luces será o venres 9 de decembro coa celebración do tradicional Mercado de Nadal, na Praza da Chan.

O sábado día 10 tócalle o turno ao teatro da man do "Conto da Barriga Verde", ás 19:30 horas no Centro Cultural de Cerdedo. Este mesmo sábado, pero ás 22 horas terá lugar a I Foliada Afoutes do Canón de Pau no Centro Cultural e Turístico "Antonio Fraguas".

O domingo 10 de decembro terá lugar o Concerto de Nadal da Banda de Música de Tenorio, ás 19 horas, no Centro Sociocultural de Tenorio. O martes 20 de decembro, Papa Noel visitará todos e cada un dos centros educativos do municipio.

O venres 23 de decembro, a partir das 17 horas, terá lugar no pavillón de deportes municipal de Carballedo unha Festa Infantil de Nadal con todo tipo de actividades.

O mércores 28 de decembro, ás 19:30 horas, terá lugar no Centro Cultural de Cerdedo o Festival de Nadal da Banda de Música de Cerdedo. A entrada solidaria será de 1 Kg. de alimentos non perecedeiros. 

O Apalpador chegará ao centro da vila de Cerdedo o venres 30 de decembro ás 12 do mediodía para estar coas familias antes de que se celebre, ás 17 horas no pavillón municipal de deportes de Cerdedo unha Festa Infantil de Nadal.

Coa chegada do Aninovo, o domingo 1 de xaneiro e organizado pola Comisión de Festas de Cerdedo terá lugar no pavillón desta localidade a Festa de Fin de Ano, a partir da unha da madrugada.

O 5 de xaneiro os Reis Magos farán un amplo percorrido que dará comezo ás 10:00 horas na Casa do Pobo de Santa María de Sacos e finalizará ás 13:45 horas na Casa Escola de Augasantas. Antes de emprender o camiño de volta, As Súas Maxestades protagonizarán unha cabalgata polas rúas e no pavillón de Cerdedo a partir das 17:00 horas.

O 6 de xaneiro, haberá un Concerto de Reis da Banda de Música de Cerdedo, ás 19 horas, no Centro Cultural de Cerdedo. Ao mesmo tempo, ás 19:30 horas no Centro Cultural e Turístico "Antonio Fraguas", terá lugar o Certame de Cantares de Reis con chocolatada ao remate no que actuarán as parroquias e grupos do concello.