Á espera do visto e prace de Patrimonio. Así está o proxecto de consolidación e restauración das ruínas de San Domingos, pechadas dende agosto do pasado ano tras producirse unha serie de desprendementos. A Deputación, que ten consignados 200.000 euros para afrontar esta actuación, espera poder iniciar os traballos á volta do verán. O obxectivo é que poidan reabrirse o público "como muy tarde" a próxima primavera.
A deputada de Cultura, Ana Isabel Vázquez, explicou a PontevedraViva que o estudo encargado pola institución provincial para descubrir o grao de "desajuste y deterioro" deste conxunto monumental determinou que tan só eran necesarios "pequenos arranxos". A conclusión, sinalou, é que a súa estrutura "estaba segura" e que cunha serie de traballos de consolidación "tendremos ruinas por mucho más tiempo".
Tras presentar o proxecto ante Patrimonio, espérase que o visto bo se produza na próxima reunión da comisión provincial, prevista para setembro.
Ana Isabel Vázquez explicou que, en liñas xerais, estes traballos consistirán en asegurar todo o conxunto mediante o selado de gretas, o saneado das xuntas ou a limpeza dos muros de mofos e líquenes. Ademais resolverase o problema de humidades, actuarase sobre os espazos nos que se producisen perdas de materiais e fixaranse as pilastras e as ventás, dificultando o pousado e aniñado de aves nas ruínas.
OBRAS NO MUSEO
Estes traballos enmárcanse dentro dun amplo programa de actuacións coas que a Deputación trata de conservar os edificios que integran o Museo de Pontevedra. Neste sentido, a deputada de Cultura recordou que tamén se está a ultimar un proxecto para a rehabilitación dos edificios centrais do Museo "porque después de tantos años necesitaban de una reforma urgente".
En concreto, encargáronse unha serie de catas antes de redactar o proxecto "para ver el estado en el que está cada edificio" e poder actuar posteriormente neles igual que se fixo no Sarmiento ou no Sexto Edificio. Búscase que todos os inmobles desta institución cultural estean "totalmente renovados y rehabilitados" e poidan acoller unha colección permanente na que xa están a traballar os conservadores do Museo.