Espectacular intervención nun piso de Paseo de Colón dentro da operación antidroga do Vao

Pontevedra
02 de decembro 2019

Ao redor das 13.10 horas, máis dunha ducia de axentes coas caras cubertas accederon a unha vivenda do primeiro andar do número 15 da rúa Paseo de Colón onde realizaron rexistros dentro do operativo que se iniciaba a primeiras horas deste luns no Vao de Arriba

Intervención antidroga nun piso de Paseo de Colón
Intervención antidroga nun piso de Paseo de Colón / Cristina Saiz

Ao redor das 13.10 horas, máis dunha ducia de axentes dos Grupos de Reserva e de Seguridade (G.R.S.) da Garda Civil armados e coas caras cubertas accederon a unha vivenda do primeiro piso do número 15 da rúa Paseo de Colón onde se realizaron rexistros dentro do operativo antidroga que se iniciaba a primeiras horas deste luns no Vao de Arriba.

A imaxe sorprendeu á veciñanza da zona ao ver como os axentes chegaban en diversos vehículos e furgonetas que aparcaban na contorna do edificio e baixaban con rapidez entrando no portal do inmoble. Tamén levaban un can para detectar a presenza de droga. Dous dos axentes portaban un ariete co que romperon a porta da vivenda obxecto da investigación. "Foi un zambombazo", comentaba unha veciña que se asustou ao escoitar o estrondo da apertura violenta da porta.

Os veciños da contorna indican que na vivenda reside unha familia conflitiva, que leva tempo implicada en asuntos relacionados co movemento de drogas e varios dos seus integrantes xa estiveron en prisión por delitos contra a saúde pública. 

Aos poucos minutos, os axentes de GRS abandonaban o edificio onde permanecían outros axentes da Garda Civil para completar a investigación. En breve, incorporáronse tamén catro policías nacionais. Dous deles quedaron controlando a entrada ao inmoble mentres que outros dous subiron para realizar a inspección na vivenda, fronte a atónita ollada dos viandantes.