Unidades Especiais de Subsolo e Protección Ambiental, departamento do Corpo Nacional de Policía encargado de intervir en zonas de subsolo, buscaron durante a xornada deste xoves en Pontevedra novas pistas sobre o paradoiro Sonia Iglesias máis de oito anos despois da súa desaparición.
Esta unidade especializada desprazouse desde Madrid para, xunto a axentes do equipo da Comisaría Provincial de Pontevedra, inspeccionar novos emprazamentos na zona de San Mauro e tamén noutra localidade que de momento non trascendeu.
En concreto a procura centrouse nunha tumba e dous pozos, dos que un estaba seco e ao segundo foi necesario archcarlle auga antes, e rematou, segundo fontes policiais, sen novidades nin avances na investigación.
Segundo puido saber PontevedraViva, trátase de dous pozos que están en zonas próximas ás revisadas o pasado mes de febreiro, na contorna dunha casa da familia Araújo e o cemiterio, pero que non foran inspeccionadas con anterioridade; e dun enterramento relacionado coa familia de Julio Araújo -ex parella de Sonia Iglesias- fora da cidade de Pontevedra, noutro concello situado a varios quilómetros.
Os axentes da Unidade Especial de Subsolo, tras concluír co seu labor, regresaron á capital. As tres inspecciónes prolongáronse durante apenas unhas horas da mañá deste xoves.
As dilixencias foron dirixidas polo equipo especial da Policía Nacional de Pontevedra que investiga a desaparición de Sonia Iglesias e que mantén vivas as liñas de investigación a pesar de que o caso se está arquivado provisionalmente a nivel xudicial desde o pasado mes de xuño.
DELEGADO CONFIRMA REXISTRO DUNHA TUMBA
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, confirmou estas novas pescudas da Policía Nacional. Nunha visita ao centro penal da Lama, asegurou que esta actuación partiu dos "datos que manejan los investigadores".
Ademais dos rexistros xa coñecidos en dous pozos, Losada desvelou que os axentes da unidade especial de Subsolo tamén revisaron unha tumba, aínda que non quixo confirmar onde está situado este enterramento que foi rexistrado.
En todo caso, o delegado reiterou que a Policía "trabaja en silencio, pero sigue trabajando" para buscar novos datos que permitan esclarecer esta "tragedia", un caso do que, recoñeceu, "llevamos muchos años detrás" e, ata agora, "con resultados negativos".
Segundo fontes consultadas, a pesar destas novas dilixencias, non se produciron cambios no caso a nivel xudicial, de modo que segue o arquivo provisional da causa decretado o pasado mes de xuño polo Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra.