Como un “lugar de encontro e diálogo” entre os novos investigadores no ámbito da comunicación presenta a Asociación Española de Investigación en Comunicación (AE-IC) o seu IV Doctorial, un evento que terá lugar os días 15 e 16 de xuño no campus de Pontevedra e que se verá precedido, o martes 13, por unha xornada sobre o impacto da desinformación no ámbito local.
A cuarta edición do "Doctorial. Taller iberoamericano de investigación en comunicación" servirá tamén como espazo de difusión dos resultados do VIII Congreso Internacional desta asociación, celebrado o pasado ano na Universitat Autónoma de Barcelona. Coa participación de investigadores de diferentes universidades españolas, este taller busca “dar visibilidade e proxección” aos novos investigadores, ofrecendo ao alumnado de doutoramento un espazo de formación e debate sobre temas específicos, xunto con talleres nos que expoñer as súas liñas de traballo.
Nese senso, está previsto o desenvolvemento de sete talleres, agrupados en diferentes bloques temáticos coincidentes coas seccións da AE-IC, nos que exporán as súas liñas de traballo preto de 40 investigadores.
Na primeira xornada deste foro terá lugar tamén un panel sobre achegas feministas á investigación en comunicación, coa participación da profesora da Autónoma de Barcelona e presidenta da AE-IC, Rosa Franquet, e das docentes Ruth de Frutos e Iolanda Tortajada, das universidades de Málaga e Rovira i Virgili, respectivamente. Na xornada de venres, outro panel porá o foco nos métodos dixitais, completándose o evento coa entrega do Premio Joven a la Investigación en Comunicación Enrique Bustamante.
Tamén da man da AE-IC e máis concretamente do seu grupo de traballo en comunicación política, que coordinan o profesor da facultade pontevedresa Xosé Rúas e a docente da Universitat Jaume I, este centro acolle o vindeiro martes unha xornada que permitirá coñecer diferentes proxectos de investigación centrados na desinformación e a difusión de noticias falsas e, máis concretamente, no seu “o impacto no ámbito local”, como explica Rúas.
Este foro enmárcase nas actividades do proxecto Fakelocal, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, que coordinan Rúas e a tamén investigadora do grupo CP2 Ana Belén Fernández Souto e ten como obxectivo analizar os efectos das noticias falsas e boatos na esfera política autonómica e local.