O campus de Pontevedra colabora coa Asociación Española Contra o Cancro (AECC) para adherirse na iniciativa 'Espazo sen fume', mediante a cal este campus se converte no primeiro en Galicia e o terceiro en España en declararse libre de sustancias nocivas vinculadas ao tabaco.
A finalidade desta decisión é protexer a saúde da cidadanía mentres se promove o estilo de vida saudable e desnormalizar o hábito de fumar en espazos públicos de modo que se axude a previr mortes prematuras e enfermidades crónicas.
Para acadar os seus obxectivos, a presidenta da AECC en Pontevedra, Carmen Abeledo; e a psicóloga Rebeca Castro consideran relevante aportar datos sobre as consecuencias do tabaco. É unha práctica que levan a cabo a diario unha de cada tres persoas e un 20% da poboación entre 15 e 24 anos.
O cancro de pulmón, segundo afirman desde a Asociación, é a primeira causa de morte en Galicia. O 80-90% dos casos danse en persoas fumadoras ou que deixaron de fumar recentemente. Mais tamén existen outros 16 tipos de cancro relacionados co consumo como o de vexiga, ril, fígado ou colon, entre outros.
Rebeca Castro fai fincapé nos fumadores pasivos, sobre todo menores de idade, aos cales o fume do tabaco aféctalles aumentando o risco de crises asmáticas nun 20%, as infeccións respiratorias nun 30% e multiplicando por dous a posibilidade de ter cancro de pulmón nun futuro.
A maiores da lexislación actual, que prohibe fumar nos centros universitarios sempre que non sexan accesos inmediatos aos edificios, esta iniciativa pretende ampliar a medida aos espazos exteriores que hai dentro dos límites do campus. Ademais, poñeranse a disposición daquelas persoas fumadoras tres recursos para abandonar o hábito consistentes nunha guía en formato papel, unha app chamada Respirapp e cursos presenciais con formato de terapia grupal.
A raíz desta alianza, definirase un modelo de difusión de información xunto a accións de seguimento a medio e longo prazo para velar polo cumprimento e coñecemento da normativa por parte das persoas que accedan á contorna universitaria. Para logralo, contactarase con representantes de distintos colectivos formalizando unha mesa de traballo e recollerase información da situación previa de toda a comunidade educativa do campus.
Un estudo realizado polo Observatorio da AECC xa revela que existe un acordo maioritario coa necesidade de xerar novos espazos sen fume, mesmo un 65% dos fumadores considera que estaría ben ou moi ben ampliar a prohibición de fumar a outros lugares.
O vicerreitor Jorge Soto afirmou durante a presentación do convenio que a relación entre as dúas entidades é "inmellorable", posto que comparten valores similares como a importancia outorgada á investigación. Así mesmo, mostrouse entusiasmado por continuar a súa estela de traballo con asociacións que velan por facer da cidade un lugar máis saudable, como a organización Vaipolorío.