Espazo Ecosocialista esixe a recuperación da concesión da AP-9 como alternativa á A-57

Pontevedra
07 de xuño 2014

O colectivo posiciónase "radicalmente en contra" da construción da autovía A-57 e amosa o seu apoio á plataforma veciñal 'Salvemos a Fracha'. Anuncia que estudará medidas sociais e institucionais para paralizar o proxecto

Cruces contra o proxecto da A-57 na casa parroquial de Marcón
Cruces contra o proxecto da A-57 na casa parroquial de Marcón / PontevedraViva

Espazo Ecosocialista posiciónase "radicalmente en contra" da construción da A-57 e esixe a recuperación da concesión da autopista AP-9 para optimizar o seu uso e poñela ao servizo do conxunto da cidadanía. O colectivo amosa o seu apoio á plataforma veciñal 'Salvemos a Fracha' e anuncia que estudará medidas sociais e institucionais para paralizar o proxecto.

Espazo Ecosocialista emitiu un comunicado no que sinala que a proposta de trazado e mesmo a existencia do proxecto da autovía A-57 "é un exemplo máis da estulticia das distintas administracións na súa cega aposta polas grandes infraestruturas para o transporte a motor, un grande negocio para as grandes construtoras e unha ruína para o conxunto da sociedade".

Na súa opinión, o primeiro tramo e único sobre o que hai na actualidade un proxecto definitivo en marcha, o que une Vilaboa e A Ermida, é un exemplo paradigmático neste senso: 84 millóns de euros orzamentados, sen contar as expropiacións, unha tramitación absolutamente irregular co comezo das expropiacións antes de ter aprobado o estudo de impacto ambiental, un impacto ambiental inaceptable, destruíndo o monte Fracha, afectando hábitats de especies protexidas e ameazadas e numerosas minas de auga que dan servizo ás catro parroquias que afecta: Marcón, Tomeza, Bértola e Figueirido.

Espazo Ecosocialista faise eco dunha das denuncias de 'Salvemos a Fracha' e sinala que este trazado que se pretende vender como a circunvalación de Pontevedra "en realidade non é tal", porque, para empregala, a veciñanza da cidade deberá percorrer sete quilómetros pola N-550 para chegar ao enlace de Vilaboa, ademais de non dar ningún servizo as persoas residentes na zona afectada.

Engaden que Pontevedra xa ten unha circunvalación: a autoestrada AP-9. "Esa autoestrada de peaxe que xa podía ser na actualidade autovía gratuíta de contar cuns gobernantes que atenderan os intereses reais do país é a verdadeira circunvalación de Pontevedra", opinan. E desde Espazo Ecosocialista esixen que reverta ao dominio público.

Ademais, alertan das posibles consecuencias deste proxecto en canto a que nun hipotético caso de construírse a A-57 sería previsible que esta restara gran cantidade de tráfico á AP-9, polo que "poderíamonos ver na situación de ter investido centos de millóns de euros na A-57 e a maiores ter que inxectar outros tantos na concesionaria da AP-9 polo pouco uso da mesma". 

Arquivado en