España pecha as súas fronteiras terrestres e non permitirá o acceso a cidadáns estranxeiros

Pontevedra
16 de marzo 2020

Esta decisión non afecta, en todo caso, a cidadáns españois que actualmente se atopen en países estranxeiros, que poderán regresar á súa localidade de residencia, a traballadores fronteirizos, transportistas de mercadorías ou a quen acredite causa de forza maior

Fronteira con Portugal en Tui
Fronteira con Portugal en Tui / Contando Estrelas

España pecha as súas fronteiras para frear o coronavirus. Desde esta medianoite ningún cidadán estranxeiro poderá entrar no territorio español. Polo menos, por vía terrestre. Así o anunciou o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska.

Trátase dunha medida que, segundo Grande-Marlaska, se adopta para "protexer a saúde e a seguridade dos cidadáns e conter a expansión do coronavirus" e estará vixente ata que estea activo o estado de alarma decretado en todo o país.

Esta decisión non afecta, en todo caso, a cidadáns españois que actualmente se atopen en países estranxeiros, que poderán regresar á súa localidade de residencia, a traballadores fronteirizos ou a quen acredite causa de forza maior.

No caso de Pontevedra, esta medida afectará á fronteira con Portugal, onde segundo o ministro, estableceranse controis para evitar o acceso de estranxeiros. A este respecto, non descartou que mesmo se despreguen efectivos militares para o control destas fronteiras.

O titular do Interior avanzou que existe a posibilidade de ampliar este peche ás fronteiras aéreas e marítimas, porque "o noso obxectivo é dobregar a curva de contaxio do coronavirus e se as circunstancias esixen esas medidas, adoptaranse".

Grande-Marlaska explicou que estas restricións tampouco terán efecto no transporte de mercadorías, para asegurar a continuidade da actividade económica e preservar a cadea de abastecemento; nin tampouco afectará o persoal diplomático acreditado en España, sempre que fagan desprazamentos vinculados ás súas funcións.

Ademais, o ministro garantiu que todos os países da Unión Europea están unidos ante esta crise de saúde pública, polo que avanzou que nas próximas horas poderían anunciarse medidas extremas coordinadas en todo o vello continente.