España admite a petición de asilo político dos polisóns de Marín

Marín
20 de decembro 2017

A Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR) tivo coñecemento de que a Oficina de Asilo e Refuxio do Ministerio do Interior admitiu a trámite a solicitude  O barco tiña previsto chegar este martes ao porto polaco de Szczecin, pero PontevedraViva non puido confirmar se chegou  

Buque 'Kristin C' no porto de Marín con dous polisóns a bordo
Buque 'Kristin C' no porto de Marín con dous polisóns a bordo / Mónica Patxot

A Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR) tivo coñecemento de que a Oficina de Asilo e Refuxio do Ministerio do Interior admitiu a trámite a solicitude de asilo político formulada polos dous polisóns que chegaron ao porto de Marín a semana pasada, pero que, nun episodio aínda sen explicación, ao día seguinte seguiron rumbo a Polonia abordo do barco no que se 'coaron'.

Todo o ocorrido está aínda rodeado de moitas incógnitas, pois CEAR cuestiona que as autoridades e os responsables do barco poderían cometer "unha grave vulneración da normativa vixente" ao deixar saír o buque do porto de Marín mentres a solicitude de asilo dos dous mozos de orixe siria e palestino seguía sen resolver

Agora, a boa noticia é que a Oficina de Asilo e Refuxio comunicou ás autoridades polacas que a solicitude foi admitida e España farase cargo dos dous polisóns. O barco, de feito, tiña previsto chegar este martes ao porto polaco de Szczecin, pero PontevedraViva non puido confirmar se chegou ou se, pola contra, os dous polisóns desembarcaron nun porto previo en territorio de Alemaña. 

En todo caso, os polisóns serán enviados de regreso a España en canto sexa posible. Javier Galparsoro, presidente de CEAR-Euskadi, relatou a PontevedraViva que o seu colectivo tivo coñecemento de que a solicitude de asilo político foi admitida a trámite a través de todos os medios que mobilizaron ao longo dos últimos días en Polonia para facer seguimento da situación dos dous polisóns. 

Polo menos dous avogados polacos foron mobilizados e activaron dispositivos para a chegada do barco. Entre eses trámites, alertaron á Policia de Fronteiras de Szczecin, que previamente non tiña coñecemento de que chegaría ao seu porto un barco con dous polisóns a bordo. A través deses mecanismos, púidose saber que os polisóns estaban ben e que desembarcarían e regresarían a España. 

CEAR sinalou días atrás que a situación non ten precedentes en España, pois as autoridades españolas deberían garantir que, se o buque no que chegaron se fora de Marín, os dous mozos quedaba en territorio español á espera de que se resolvese a solicitude de asilo.

Segundo este colectivo, vulnerouse a normativa vixente e aceptada e de aplicación en España para estes casos, a Lei 12/2009, do 30 de outubro, reguladora do dereito de asilo e da protección subsidiaria -artigo 19- e o disposto nas instrucións conxuntas da Dirección Xeral da Policía e da Garda Civil, da Dirección Xeral de Política Interior e da Dirección Xeral de Inmigración sobre tratamento a polisóns estranxeiros, que datan do 28 de novembro de 2007 e seguen en vigor. Baseándose nesas instrucións, desde CEAR sosteñen que os polisóns de Marín tiñan que ser trasladados á dependencia fronteiriza do porto de Marín e, ao non existir, poñelos en disposición de Cruz Vermella.

Galparsoro sostén que o Ministerio de Interior "debe explicar con claridad y precisión por qué no se ha dado cumplimiento a esta previsión legal". Ademais, engade que as autoridades marítimas, a consignataria do barco, o seguro de Protección e indemnización P&I e o armador "deben aclarar por qué se autorizó y se consumó la salida del buque con los polizones sin ser desembarcados previamente" .

Á vez que tramitaba todo o dispositivo para a chegada do barco a Polonia, CEAR segue adiante cos trámites para tentar aclarar o ocorrido en Marín. Segundo fontes da entidade, solicitaron información e documentación á Subdelegación do Goberno en Pontevedra, a Brigada de Estranxeiría e Fronteiras da Comisaría de Pontevedra, a Autoridade Portuaria de Marin e Ría de Pontevedra, Capitanía Marítima e a consignataria do buque, Ceferino Nogueira,

Ata o momento, non conseguiron datos, senón que a resposta dada é a do "silencio impenetrable", de modo que CEAR presentou unha queixa formal por vía telemática ante Defensor do Pobo.

Agora que a solicitude de protección internacional foi admitida a trámite, non todo está feito para os dous polisóns. A petición pasará a ser examinada con maior profundidade, incorporándose ao procedemento as dilixencias de instrución do expediente. Se fose procedente, poderán realizarse novas entrevistas aos solicitantes. O prazo máximo de tramitación do expediente será de seis meses.