A decoración de Nadal do mercado de Pontevedra foi vítima dun acto vandálico cando non pasaran nin 24 horas desde a súa inauguración. Toda a ambientación inaugurouse ao mediodía deste luns e durante a madrugada xa lle causaron importantes desfeitas. Este martes, a bóla instalada no exterior do edificio apareceu esnaquizada.
A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, responsable da xestión do mercado e desta decoración de Nadal, confirmou que á primeira hora da mañá tivo constancia do ocorrido e xa deu orde de reparar esta burbulla, que simula unha bóla de cristal e está pensada como photocall do Nadal.
Trátase de burbulla photocall de dous metros de diámetro que é un dos principais reclamos da decoración deste ano 2022 e a concelleira lamenta este acto vandálico. Ademais, anuncia a PontevedraViva que a partir de agora haberá vixilancia na contorna para evitar episodios similares.
Nesta ocasión, a burbulla ten un racho e queimaduras, con importantes danos. Ademais, á beira está a escultura de bronce con catro galiñas e un galo obra da artista Cuqui Piñeiro e este martes tamén apareceu coas plumas danadas.
A Policía Local de Pontevedra achegouse na mañá deste martes ao mercado alertada por cidadáns que presenciaron as desfeitas.
Esta bóla forma parte dun proxecto de decoración encargado ás firmas especializadas Inblooom (de Begoña Méndez) e Grupo Xesdavi por un orzamento de máis de 40.000 euros. Agora xa teñen orde de reparalo, pero Yoya Blanco fai un chamamento a que non se repitan este tipo de actos vandálicos e a coidar o mobiliario público.
Ademais desta burbulla agora danada, tres peixes artísticos con iluminación interior, un deles de 2,50 metros de lonxitude, presiden a fachada do mercado con tres esferas que van dos 50 aos 80 centímetros de diámetro.
Tamén se inclúen esferas de fantasía con bólas verdes de vexetación no Gastroespazo; instalacións laterais de musgo vermello e recubrimento da parte superior dos postos de venda do peixe con diversas decoracións súmanse a outros elementos vexetais colgantes na entrada principal.
Nesta montaxe instaláronse 15 focos Led W600; seis bólas de espellos de 50 centímetros e cinco de 20; un microled no arco da entrada e seis tiras de lámpadas de dous metros.