Esixen "verdade, xustiza e reparación" para as mulleres tildadas de "moral dubidosa" na ditadura

Pontevedra
08 de abril 2022

O Pazo Provincial acolleu este venres as xornadas de memoria Individuas de dudosa moral, na que se abordou a represión sexual que sufriron as mulleres durante a ditadura de Franco. No marco deste evento, as participantes reclamaron "verdade, xustiza e reparación" para todas elas

Xornadas "Individuas de dudosa moral" na Deputación
Xornadas "Individuas de dudosa moral" na Deputación / Deputación de Pontevedra

O Pazo Provincial acolleu este venres as xornadas de memoria Individuas de dudosa moral, na que se abordou a represión sexual que sufriron as mulleres durante a ditadura de Franco.

No marco deste evento, as participantes reclamaron "verdade, xustiza e reparación" para as mulleres, tanto as que sufriron asasinatos e violacións directas, para as que foron afastadas das súas crianzas co roubo de bebés ou para as recluídas por actitudes consideradas amorais.

Unhas e outras, segundo as relatoras nestas xornadas, sufriron en xeral un "sometemento sistemático" aos varóns e a coacción das súas liberdades sociais e sexuais.

"É obriga de todas as administracións traballar a reo para acabar coa impunidade dos que mataron, espoliaron, raparon, violaron, afastaron ás mulleres da súa descendencia e converteron o noso país nun cárcere para as nosas avoas", subliñou a deputada María Ortega.

Con estas xornadas, a Deputación buscaba denunciar "tanto o silencio imposto sobre os diferentes crimes do franquismo como o relato tramposo transmitido pola ditadura e mantido con total impunidade ata os noso días", que foi "especialmente gravoso" para as mulleres.

Así, participaron expertas en materia de memoria e xénero como a investigadora María Victoria Martíns, quen falou do ideal de muller franquista sometida aos varóns, destinada ao matrimonio e a procreación, segundo as indicacións da Sección Feminina, que descartaba o pracer sexual e instábaas a "frear o fervor" mesmo dentro do matrimonio.

Falaron tamén Llum Quiñonero e Enriqueta Barranco sobre o Patronato de Protección a la Mujer, unha institución de corrección moral para mulleres na que, segundo denunciaron, se cometeron "crimes" aínda sen xulgar deixando á igrexa -encargada da súa xestión- impune.

Xa pola tarde, abordouse o roubo de bebés coa presidenta e a avogada da asociación Todos los niños robados son también mis niños, que falaron das diferentes motivacións polas que se organizaron as desaparicións forzadas das crianzas.

Criticaron que aínda hoxe a lei estatal sobre bebés roubados estea paralizada con emendas e valoracións internas que a manteñen bloqueada e que van contra o espírito mesmo da nova lei. Pola súa parte, Marga Rodríguez achegou a súa visión como irmá dun bebé roubado.

O último relatorio correu a cargo da activista Nanina Santos, quen subliñou que as relacións de mulleres lesbianas no réxime foron totalmente invisibilizadas por ser a "maior transgresión contra o franquismo e os seus valores".

Estas xornadas pecháronse coa proxección do documental Sacar a la Luz. Memoria de las rapadas, presentado por unha das súas directoras, Lola Martín-Consuegra Martín-Fontecha.