A praza da Peregrina foi o escenario escollido para que máis dun cento de persoas reclamaran ao Goberno que demostre o seu compromiso fronte á violencia de xénero e cumpra as medidas establecidas no Pacto de Estado en materia de prevención, detección e atención integral fronte as diferentes manifestacións da violencia machista.
Os manifestantes, convocados polo Colectivo Feminista de Pontevedra, esixiron un financiamento estable e suficiente que garanta os servizos necesarios de prevención e atención integral ás vítimas.
Ademais, solicitaron o establecemento dun acordo sobre estándares mínimos para a atención integral municipal ás vítimas das diferentes manifestacións da violencia machista, que leve aparellado un estudo de custos por poboación de cara á súa efectiva implantación.
Con esta medida, entenden que se garante unha resposta adecuada a todas as vítimas de violencia machista con independencia do seu lugar de residencia.
No caso galego, reclaman que a Xunta dedique o 1% do seu orzamento á loita contra a violencia machista, o que cuantifican en 90 millóns de euros, que se aplique a lei galega de violencia de xénero e medidas como a creación de xulgados específicos en todas as cidades, gravación de declaracións para que as mulleres non teñan que ir continuamente a declarar aos xulgados ou que estas non teñan que agardar para facelo na mesma sala que o seu agresor.