A plataforma en defensa do río Verdugo (Pladever) esixiu este mércores a Augas de Galicia a retirada da declaración de urxencia do transvasamento do río Verdugo. As últimas chuvias, sinala o seu voceiro, Fernando Malvar, obrigaron ao encoro de Eiras -a onde iría destinada este auga- a abrir as súas comportas.
O colectivo cre que o feito de que nas últimas horas foran evacuados hectómetros de auga que non se consideraron necesarios para encorar, demostra que esta actuación está superada.
As chuvias veñen a referendar, segundo Pladever, a "innecesaria declaración de urxencia para o transvasamento xa que está máis que acreditado que non se precisa socorrer a ningunha poboación en risco de desabastecemento".
Ademais, apuntan que coa apertura das comportas para deixar que saia a auga do encoro de Eiras demóstrase que está xa ao tope da súa capacidade e que non pode acumular máis auga por cuestións de seguridade.
"O que se impón é a cordura e a serenidade, o estudio serio e alternativo da xestión da auga cun uso racional e proporcionado ademais dunha auditoría exhaustiva sobre o sistema de canalización existente en Vigo e na súa área metropolitana tan cheo de eivas que farían absurda a propia razón do transvasamento", asegura Fernando Malvar.
A nova dirección da plataforma fixouse como actividades inmediatas a realización de accións tendentes á concienciación cidadá sobre un xeito racional da xestión da auga sen renunciar ás mobilizacións populares, barallando entre outros escenarios a cidade de Vigo.
Tamén apostaron por emprender accións sorpresa enfocadas a chamar a atención dun xeito cívico pero efectivo da cidadanía a través dos medios de comunicación social e o contacto directo con charlas informativas y a edición de material didáctico.
Para unha maior implicación cidadá, os membros da plataforma emprenderán tamén unha serie de contactos operativos cos catro concellos que manifestaron a súa oposición ao transvasamento, coa intención de emprender actuacións de promoción e divulgación pública baseadas no uso responsable da auga e a loita pacífica pola defensa do río Verdugo.