Esixen á Xunta a "restauración inmediata" da ponte medieval de Ponte Sampaio ante o seu "abandono"

Pontevedra
09 de outubro 2015

Reclamar unha acción inmediata do goberno galego que free o seu abandono, que se afronte a súa rehabilitación e que se poña en valor tanto a súa arquitectura como o seu papel na historia de Galicia. Son as liñas sobre as que xira a proposición non de lei que vén de presentar o PSdeG-PSOE no Parlamento e coa que esixen á Xunta de Galicia que asuma a "restauración inmediata" da ponte medieval de Ponte Sampaio

Dirixentes do PSdeG-PSOE diante da ponte medieval de Ponte Sampaio
Dirixentes do PSdeG-PSOE diante da ponte medieval de Ponte Sampaio / PSdeG-PSOE Pontevedra

Reclamar unha acción inmediata do goberno galego que free o seu abandono, que se afronte a súa rehabilitación e que se poña en valor tanto a súa arquitectura como o seu papel na historia de Galicia. Son as liñas sobre as que xira a proposición non de lei que vén de presentar o PSdeG-PSOE no Parlamento e coa que esixen á Xunta de Galicia que asuma a "restauración inmediata" da ponte medieval de Ponte Sampaio.

Así, a deputada socialista Patricia Vilán, os representantes das agrupacións do PSdeG-PSOE dos dous concellos unidos por esta infraestrutura, Pontevedra e Soutomaior, acompañados polo presidente da Asociación de Veciños Santa María visitaron esta tarde a zona para presentar esta iniciativa parlamentaria.

Os socialistas demandan ao goberno de Feijóo que se "proceda á restauración integral da ponte medieval de Ponte Sampaio e á colocación nela dunha iluminación axeitada ao seu valor estrutural e á perpetuación da memoria que a ponte significa." 

Pídese ademais nesta iniciativa que a Xunta restableza as dúas construcións de pedra que existían no centro deste paso e que, case con toda seguridade, marcaban os límites entre os arcebispados de Tui e Santiago, ademais de establecer medidas específicas de protección que impidan un maior deterioro desta infraestrutura que forma parte do Camiño Portugués a Santiago. 

Tamén os grupos do PSdeG-PSOE nos dous concellos presentarán sendas mocións nos seus respectivos plenos, ao entender que "é un dos maiores tesouros históricos do país e un dos máis abandonados polo goberno de Feijóo", debido sobre todo ao exceso de tráfico a motor, o constante paso de vehículos pesados, a maleza que nunca se limpa, as numerosas pedras movidas e desencaixadas ou a carencia practicamente de iluminación.