Esixen a aplicación das leis de protección animal

Pontevedra
14 de maio 2022

A Asociación de Rescate Animal Cadeliños celebrou este sábado xunto a outras 13 protectoras da zona, unha concentración ante a delegación territorial da Xunta para reclamar a aplicación das leis de protección animal

Concentración para esixir a aplicación da lei de protección animal
Concentración para esixir a aplicación da lei de protección animal

A Asociación de Rescate Animal Cadeliños celebrou este sábado xunto a outras 13 protectoras da zona, unha concentración ante a delegación territorial da Xunta para reclamar a aplicación das leis de protección animal. 

Con esta acción de protesta quixeron "alzar a voz polos que non a teñen" chamando a atención sobre "todos os animais que viven cada día en pésimas situacións, encadeados, sen chip, encerrados e sen os coidados veterinarios ou de alimentación necesarios".

Aseguran desde Cadeliños que durante os últimos anos obsérvase máis concienciación neste ámbito e aprobouse lexislación para mellorar a calidade de vida e protección animal, pero denuncian que "ditas leis non se aplican nin cumpren". 

Por iso reclamaron ás autoridades e administracións competentes na materia "que as leis de protección animal sexan aplicadas debidamente". 

Lembran que desde que en outubro do 2017 publicouse a actual Lei de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia, pasaron máis de 4 anos e esa normativa "quedouse no papel e non se levou á práctica".

"A Policía Autónoma de Galicia e o SEPRONA deberían esforzarse en que esta lei se cumpra, pero a realidade é que cada vez que denunciamos só atopamos trabas e, na maioría dos casos, non se fai absolutamente nada por facer cumprir dita lei", aseguraron nun manifesto ao que deron lectura este sábado.

Na súa protesta tamén apuntan que o organismo sancionador da Xunta "segundo nos din, non teñen persoal suficiente e as denuncias que reciben acaban prescritas polo longo tempo que permaneceron no caixón".

"Atopámonos cada día con cans atados a árbores sen acubillo ou atados a bidóns, vivindo encerrados en zulos sen saír, bebendo auga putrefacta, tombados no medio dos seus propios excrementos. Seguimos vendo anuncios de venda ilegal de animais e a cría sen control, envelenamento de colonias de gatos as cales son controladas por voluntarios sen ningunha axuda por parte dos concellos a maioría das veces. De que lle serve a lei a estes animais, seres sintientes?"

Por todo iso esixen que a lei de Benestar Animal "se cumpra de maneira real" e que "as Administracións, o SEPRONA e a Policía Autónoma de Galicia fágana cumprir". 

"Non pedimos imposibles nin utopías. Só pedimos que fagan cumprir unha lei que eles aprobaron", concluíron.

Os colectivos participantes nesta mobilización foron: Refugio Interespecie "La Isla de Tali"; Amigos da Canceira de Poio; Adopciones Galicia; Asociación de Rescate Animal Cadeliños; "Respeta", Rescata, protege y adopta (Marín); Asociación de acollida e adopción de cans, Os Palleiros; Asociación protectora de animales Bai Sen Pulgas; Asociación protectora de animais Os Biosbardos (Ponteareas); Bigotes Felinos de Poio; Aloia, Protectora de Animais de Tui; Protectora de Animais do Morrazo; Asociación de rescate animal Ohana; Asociación Huellas Felinas y Refugio de animales de Cambados.