Este fin de semana comezarán as rutas de Bosques Terapéuticos, un programa da Deputación de Pontevedra que ofrece rutas por espazos naturais da provincia ao longo do mes de abril. O programa, que conta cun total de 90 prazas para as seis rutas, colgou o cartel de vendido este luns.
O itinerario máis solicitado foi a Illa de Tambo, e a institución provincial abriu unha lista de espera para cubrir prazas no caso de que se produzan baixas.
O lugar escollido para a estrea este sábado 15 de abril é o Lago de Castiñeiras. Séguelle a carballeira de San Xusto, en Cerdedo-Cotobade, o domingo 16. O próximo fin de semana visitarase o espazo natural do Río Eifonso, en Vigo, e a Illa de Tambo no Concello de Poio.
O mes de abril pechará as súas actividades o fin de semana do 29 e 30 cunha camiñada pola Ruta da Pedra e da Auga en Meis, e unha ruta pola Ponte Colgante do Lérez.
Doutra banda, o 17 de abril abrirase a inscrición para participar nalgunha das oito rutas programadas para o mes de maio. O formulario de inscrición atópase dispoñible na páxina web da Deputación e o prazo termina dous días antes de comezar a actividade, a condición de que non se esgoten antes as prazas.