As visitas guiadas programadas para este Nadal para coñecer o Pazo de Lourizán antes de comecen as obras de restauración xa están completas. As prazas quedaron esgotadas xa no seu primeiro día.
A Xunta de Galicia organizou tres xornadas de visitas guiadas gratuítas para coñecer o espazo para os días 23, 27 e 30 de decembro con dúas quendas diarias de 20 persoas en cada grupo ás 12,00 horas.
Para poder participar na visita era necesario realizar unha reserva na páxina web de Turismo de Galicia a partir deste martes 12 de decembro e ese mesmo día as prazas xa quedaron esgotadas. Ao mediodía xa non había prazas.
Os participantes que lograron praza poderán coñecer de xeito guiado algúns dos aspectos máis salientables deste emblemático edificio, percorrendo os xardíns, o invernadoiro e algunhas estancias e salóns do seu interior.
O Pazo de Lourizán foi transferido este ano a mans da Xunta de Galicia desde a Deputación de Pontevedra e é particularmente coñecido por ser propiedade do político Eugenio Montero Ríos, que o adquiriu no seu día xunto coa súa esposa Avelina Villegas no ano 1879.
El foi quen encargou a Jenaro de la Fuente a reforma e deseño do pazo como unha residencia de verán pola que pasaron importantes personalidades da época. Nos seus salóns negociáronse cuestións políticas de máximo interese, como o Tratado de París de 1898, polo que se cederon as últimas terras coloniais que quedaban: Porto Rico, Filipinas, Cuba e Guam.
Os xardíns do Pazo de Lourizán están incluídos no itinerario cultural Xardíns Históricos de Europa ao contar cunha moi valiosa e recoñecida colección de camelias. De feito, tamén forma parte do itinerario deseñado pola Xunta Ruta da Camelia e, con este motivo, os participantes nestas visitas guiadas recibirán tamén unha camelia de Nadal, flor propia do inverno en Galicia.