Esgotadas en media hora as prazas para visitar a illa de Tambo

Poio
24 de maio 2022

Continúa aberta a inscrición para os outros sete "baños de bosque" por seis espazos naturais da provincia que ofrecerá en xuño este programa da Deputación

A Illa de Tambo
A Illa de Tambo / Mónica Patxot

A ruta para desfrutar dos "baños de bosque" na illa de Tambo o 18 de xuño éa primeira en cubrir as súas prazas na nova e terceira edición do programa "Bosques Terapéuticos" da Deputación de Pontevedra.

A expectación por coñecer a natureza desta singular paraxe da ría pontevedresa foi tal que, no primeiro día do prazo de inscrición, o aforo para participar nesta ruta completouse en apenas media hora e xa está pechada a lista de agarda.

Tambo é un dos sete espazos naturais da provincia nos que desde o 4 de xuño ata o 25 de setembro se desenvolverá o programa "Bosques Terapéuticos", e a Deputación sufragará o transporte marítimo ata a illa.

As outras paraxes son os Salóns do Lérez (Pontevedra), o espazo do Río Eifonso en Bembrive (Vigo), a Illa de Arousa, a Ruta da Pedra e da Auga (Meis), a Ponte Colgante do Lérez (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro) e a Senda do Almofrei (Cerdedo-Cotobade). En conxunto, serán un total de 38 as rutas ofrecidas, con 570 prazas.

Nesta terceira edición, ao igual que o pasado ano, as inscricións ábrense de mes en mes e, deste xeito, está aberto o prazo para solicitar a participación nas restantes sete rutas previstas para o vindeiro xuño ata dous días antes da celebración de cada unha.

As persoas interesadas poden anotarse a través formulario dispoñible na web provincial www.depo.gal.

Arquivado en