Éxito rotundo da nova edición da Semana do Patrimonio Invisible de Pontevedra. En tan só catro minutos esgotáronse todas as prazas habilitadas polo Concello de Pontevedra para as visitas programadas.
Este programa de visitas guiadas que abre as portas de espazos escondidos ou pouco descubertos e de tesouros artísticos e históricos que, habitualmente, non son accesibles para o público habilitou este ano 371 prazas, un 20% máis que na súa anterior edición, e, con todo, apenas duraron uns minutos.
Todas estas visitas guiadas precisan reserva previa. Para facela, habilitouse este luns un formulario en liña na páxina www.patrimonioinvisible.gal. Abriuse ás 12.00 horas e ás 12.04 xa non había prazas.
Segundo a información facilitada polo Concello de Pontevedra, non só se esgotaron os 371 prazos, senón que hai máis de 400 peticións en lista de espera.
Nesta ocasión, aumentaron as prazas e tamén os días de visita, pois hai un día máis que na anterior edición. Serán entre o xoves 11 e o domingo 14 de xullo.
Os cidadáns que conseguiron praza visitarán seis lugares de Pontevedra, incluíndo, por primeira vez, visitas ao Parador de Pontevedra, o Teatro Principal e a igrexa de San Bartolomé. As outras tres paradas son o Pazo de Gandarón, sede da Misión Biolóxica de Galicia; os xardíns do Pazo de Lourizán; e o mosteiro de San Salvador de Lérez.