En hora e media quedaban esgotadas as prazas para o campamento de verán para a mocidade que o Concello de Soutomaior organiza denominado San Simón Camp, un encontro de inmersión lingüística en inglés na Illa de San Simón. Será do 15 ao 18 de xullo. Para este campamento permanecen 44 persoas en lista de espera.
En oito horas e media, durante a xornada do sábado, quedaban esgotadas as prazas do Campamento de Surf, previsto entre o 27 e o 31 de xullo na praia de Razo, en Carballo. A lista de espera, neste caso, sitúase en 28 persoas.
Debido ao éxito de ambas as convocatorias, o goberno local que lidera o alcalde Manu Lourenzo estuda incrementar o número de prazas para próximas convocatorias.
Rosana Martínez Boullosa, concelleira de Mocidade, e a técnica neste departamento Sonia Pintos indicaban que as prazas se cubriron por orde de inscrición e sempre se ten en conta que as persoas empadroadas en Soutomaior teñen preferencia sobre o resto.
Unha vez confirmada a asistencia dos participantes realizarase unha reunión coas familias e con monitores para explicar as actividades e os detalles relacionados coa inclusión nestes campamentos de verán.