"Esforzo extra" na coordinación policial para garantir a seguridade na Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon

Pontevedra
19 de xullo 2023

A Xunta Local de Seguridade de Pontevedra avanzou este mércores na coordinación entre os distintos Corpos e Forzas de Seguridade durante as festas de verán, nas que se prevé unha elevada asistencia de persoas, e, sobre todo, da competición deportiva de setembro

Reunión da Xunta Local de Seguridade
Reunión da Xunta Local de Seguridade / Concello de Pontevedra

A Xunta Local de Seguridade de Pontevedra avanzou este mércores na coordinación entre os distintos Corpos e Forzas de Seguridade de cara a garantir a celebración da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon prevista para o mes de setembro na cidade.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, presidiu este mércores a reunión, na que se falou da seguridade durante as festas de verán, nas que se prevé unha elevada asistencia de persoas, e, sobre todo, da competición deportiva de setembro.

Ao remate da reunión, Lores recoñeceu que se puxo "máis o foco" na Gran Final das Series Mundiais porque se trata do "evento deportivo máis importante que acollerá Galiza e, probablemente, o Estado neste 2023".

A cita será entre os días 20 e o 24 de setembro e agárdase que visiten Pontevedra neses días máis de dez mil persoas, de modo que se precisa ter unha boa coordinación e traballo conxunto entre as distintas forzas de seguridade.

Xa hai un contacto permanente entre os Corpos e Forzas de seguridade do Estado e a Policía Local, pero Lores engadiu que "é evidente que temos que facer un esforzo extra de cara a estas citas".

A Policía Local será a encargada da coordinación, a Subdelegación do Goberno "está de acordo" e colaborarán a Policía Nacional en cuestión de seguridade e a Garda Civil en materia de tráfico, pois algúns días será preciso cortar a estrada N-550 en dirección Barro desde Pontevedra. 

No referido as Festas da Peregrina, Lores explicou que "o esforzo de coordinación recaerá sobre a Policía Local e a Policía Nacional". 

En relación coas xornadas festivas, explicou que "haberá moitos eventos, moita xente e sempre é preciso coordinarse entre os corpos tal e como se vén facendo ao longo do ano".