Os preto de 1,4 millóns de euros que custará o novo vial perimetral do Gran Montecelo supoñerán un "esforzo extra" da Deputación de Pontevedra coa cidade de Pontevedra, xa que se financiarán á marxe do convenio que asina anualmente co Concello.
Será "a maiores" deste convenio, segundo explicou Carmela Silva, porque o organismo provincial, de acordo co goberno municipal, entende que este hospital "é un servizo público que utiliza toda a cidadanía" e non só os habitantes de Pontevedra.
Facelo así, engadiu Silva, era algo "absolutamente sensato".
Para 2021, os orzamentos provinciais reservaran 700.000 euros, mentres que nas contas de 2022 figura outra partida de 670.000 euros.
O proxecto de construción deste novo vial sairá a licitación nos próximos días e a súa execución prolongarase durante todo o ano 2022. Aínda que o convenio marca a data límite en decembro de 2023, o alcalde confía en que "non sexa necesario" tanto marxe.
O obxectivo da nova vía, de 830 metros de lonxitude, é dar servizo e circunvalar o hospital Gran Montecelo. Terá inicio e final na actual avenida de Montecelo que dá acceso ao hospital e contará con catro glorietas, unha ao comezo, outra ao final e dúas intermedias.
A estrada proxéctase como unha vía de calzada única con dous carrís, un por sentido, de 3,30 metros de ancho cada un, e beirarrúas a ambos os dous lados. O proxecto prevé a limitación da velocidade do percorrido a 30 km/hora, con pasos de peóns elevados.
Miguel Anxo Fernández Lores destacou que colaborar coa Deputación "é unha marabilla" ante a axilidade na tramitación e execución das actuacións pactadas. "Xa gustaríanos ter este fío directo con outras administracións", sinalou o rexedor pontevedrés.
De cara ao convenio entre ambas as institucións, de 2,5 millóns de euros anuais, a Deputación aprobará este venres dúas novas actuacións: a reforma dos parques dos colexios da Xunqueira I e Marcón e actividades culturais, de lecer e de promoción da cidade.