Pequenas esculturas realizadas en serpentina e mármore de diferentes cores e que simbolizan a flor de camelia, todas realizadas polo escultor Cándido Pazos. É o tipo de premio que nesta ocasión se entregará aos gañadores da nova edición do Concurso Internacional da Camelia, que se celebrará en Pontevedra esta próxima fin de semana.
A escolla deste tipo de premio responde, segundo a deputada Eva Vilaverde, a que "quixemos darlle un carácter artístico" á peza a entregar nesta edición, que funcione como recoñecemento ao bo facer dos gañadores e tamén "como unha chiscadela aos artistas e ao talento que temos no país".
En total serán 10 primeiros premios, 8 segundos premios e 3 terceiros premios repartidos en 10 categorías, aos que hai que sumarlle a Camelia de Ouro, que nesta ocasión será unha peza de xoiería realizada en ouro e prata.
As pezas correspóndense con pequenos bloques cadrados de mármore ou serpentina nos que o escultor tallou unha flor de camelia e que van colocados sobre unha base de madeira. As pezas tamén representan unha importante variedade cromática en función da pedra utilizada para a súa elaboración.
Así, a serpentina dá lugar a pezas de cor verde escuro e do mármore conséguense pezas totalmente brancas, pezas totalmente negras, pezas negras con veta branca e pezas 'roxas'.
Ás persoas recoñecidas co premio especial Antonio Odriozola, co premio da Sociedade Española da Camelia e cos primeiros premios das diferentes categorías entregaráselles un estoxo con tres pezas de diferentes cores. Para os segundos premios entregarase un estoxo con dúas pezas e para os terceiros premios entregarase un estoxo cunha única peza.
A Camelia de Ouro concederáselle á persoa que presente o conxunto de variedades de camelia máis destacado en canto ao número e á calidade das flores, mentres que o premio especial Antonio Odriozola outórgaselle á flor individual máis destacada das que optan a este premio e que se exporán nun espazo separado.
Establécense primeiro, segundo e terceiro premio aos mellores lotes das categorías 'Camellia reticulata'-de calquera cor ou variación-; 'Híbridos de Camellia' e 'Outras especies de Camellia'. Tamén se establecen primeiro e segundo premio aos mellores lotes de Camellia japónica branca; Camellia japónica rosada ou doutras cores; Camellia japónica vermella: e Camellia japónica xaspeada ou variegata.
Tamén se establecen primeiro e segundo premio á mellor presentación artística, categoría na que se valorará o conxunto de flores e plantas de camelia, acompañadas ou non doutros obxectos e elementos decorativos, que, a xuízo do xurado, se diferencien pola súa colocación artística.
Por último, o premio Especial da Sociedade Española da Camelia outorgaráselle á persoa concursante máis destacada entre as que participen por primeira vez no certame de Pontevedra, con independencia de que se presentase en calquera das outras sedes do concurso.