Escolares do CEIP Espedregada converten residuos en compost e "crean bosques"

Poio
04 de abril 2025

Máis de 11.000 estudantes e docentes galegos participan xa no programa Escolas Verdes polo Clima, que a conselleira Ángeles Vázquez destacou na súa visita ao centro escolar de Poio

Escolares do CEIP Espedregada de Poio elaboran compost
Escolares do CEIP Espedregada de Poio elaboran compost / Xunta de Galicia

O alumnado de 4º e 5º de primaria do CEIP Espedregada, en Poio, está a converterse en verdadeiro axente de cambio ambiental a través do seu proxecto "ESPE-VER: Unha soa acción pode crear mil bosques". 

O programa inclúe a posta en marcha dun composteiro escolar e a transmisión de valores ecolóxicos ao resto da comunidade educativa.

A iniciativa deste centro pontevedrés foi destacada pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante unha visita realizada ao colexio, onde puido comprobar de primeira man como os escolares aprenden que "estamos rodeados dunha gran cantidade de materia orgánica coa que podemos crear un solo saudable e fértil".

"Os alumnos maiores actúan como verdadeiros mestres, guiando aos máis pequenos e mesmo ás súas familias para que tomen conciencia da importancia de coidar e preservar o medio ambiente", salientou Vázquez, quen estivo acompañada na súa visita polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.

O proxecto do CEIP Espedregada enmárcase no programa Escolas Verdes polo Clima, unha iniciativa que a conselleira puxo como exemplo de acción educativa para promover prácticas sostibles desde idades temperás.

Desde a súa posta en marcha no ano 2019, xa participaron nesta iniciativa 62 centros educativos galegos, 10.350 alumnos e 677 docentes, que recibiron recursos e ferramentas para transformarse en "escolas máis verdes".

Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, no CEIP Espedregada
Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, no CEIP EspedregadaXunta de Galicia

"Este programa está deseñado para apoiar os centros educativos no seu esforzo para mellorar, innovar e organizar accións educativas que integren desde as primeiras etapas escolares os valores de sostibilidade", explicou a conselleira, quen destacou que Escolas Verdes polo Clima forma parte dunha estratexia máis ampla denominada Mocidade polo Clima.

Entre as accións previstas neste programa, a conselleira adiantou a convocatoria dun concurso para premiar proxectos e ideas talentosos, a posta en marcha dun espazo informativo itinerante, a organización de charlas en centros escolares impartidas por persoas de referencia no eido do clima e a creación dun programa educativo con retos prácticos para o alumnado de 12 a 25 anos.