Adultos e escolares achegaranse esta semana en Cuntis á ciencia en galego a través dunha iniciativa municipal que inclúe cursos e actividades lúdicas e que se vai realizar grazas a unha subvención da Rede de Dinamización Lingüística.
O prazo de inscripción xa está aberto e o alumnado xa deixou patente o seu interese por participar nesta innovadora proposta, na que as actividades para adultos levan unha inscripción algo máis lenta.
Serán dous días nos que o persoal do Concello de Cuntis combinará o binomio lingua galega e ciencia. Arrancarán este xoves día 13 cun curso de "creación de micro-ecosistemas autosustentables en contedores de vidro", que se vai desenvolver de 20 a 21.30 horas na Casa do Médico. Trátase dunha iniciativa orientada a persoas adultas que consideren de interese cultivar as coñecidas como "plantas eternas". Desde a OMIX de Cuntis convidan a asistir e inscribirse previamente a través do número 986533600 ou do correo [email protected].
O prato forte desta Semana da Ciencia chegará o día 15 de outubro, cunha xornada dirixida a alumnado de Primaria, con idades comprendidas entre 6 e 12 anos de idade. Dividiranse en grupos por idades e cun descanso para merendar gozarán de diferentes propostas nun horario que irá de 16 a 20 horas. "Non é maxia, é ciencia" é unha das actividades na que os monitores ofrecerán unha explicación científica de fenómenos que semellan que se dan por arte de maxia. Con "Re-creaciencia" traballarán experimentos e descubrimentos científicos.
Estas actividades estarán abertas ao público, previa inscrición na OMIX de Cuntis.
Ademais, durante a Semana da Ciencia faranse publicacións nas redes sociais empregando o galego para facer alusión ao ámbito da ciencia.
Así mesmo, de maneira paralela a estas actividades poderanse encontrar na vila os carteis Cambiando Mentalidades, consistentes en frases en galego fomentando o emprego desta lingua con algo de retranca.