Un grupo de 23 alumnos do CEIP de Marcón recibiron este mércores o carné de "ciberexperto" despois de superar con éxito as accións formativas sobre ciberseguridade enmarcadas no Plan Director para a Convivencia nos Centros Educativos 2021-2022.
A Policía Nacional e a Garda Civil encárganse desta actividade na que participaron o ano pasado máis de 12.000 estudantes.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba fixo entrega dos carnés nun acto no que subliñou a importancia de concienciar aos menores sobre a súa propia seguridade en internet e fixo fincapé sobre a necesidade de ofrecerlles a formación e as ferramentas necesarias para que naveguen pola rede de maneira responsable.
Entre a formación que se lles ofreceu aos estudantes, os axentes explicaron que nas redes sociais se debe manter sempre unha actitude responsable cara os demais, evitando acosar a outros compañeiros ou compañeiras ou difundir fotografías deles sen o seu consentimento.
Dentro do Plan Director tamén se imparten charlas aos pais, nais e educadores con mensaxes máis directas sobre os delitos que se cometen contra os menores en internet e outros perigos para eles existentes nas redes.
Maica Larriba fixo a entrega dos distintivos na compaña do comisario provincial en funcións, Juan José Díaz, e do responsable do Plan Director da comisaría provincial de Pontevedra, Roberto Carrera.
Maica Larriba quixo, así mesmo, destacar o especial traballo realizado por unha alumna invidente de sexto de primaria que realizou o curso grazas ao material traducido ao braille.
No que vai de ano participaron nas accións formativas ofrecidas pola Policía Nacional do Plan Director un total de 4.870 alumnos, 255 profesores e 37 pais da provincia. Así mesmo, desde xaneiro ata marzo ofrecéronse 215 charlas informativas. Delas, 60 foron dirixidas pola comisaría de Pontevedra, 114 pola de Vigo, 2 pola de Vilagarcía e 39 pola de Marín. Con respecto ás temáticas abordadas, os riscos de internet copan o maior protagonismo con 135 charlas, fronte a 56 sobre acoso escolar, 13 relativas á violencia de xénero e 11 nas que se abordou a a problemática das drogas.