54 estudantes do colexio Xunqueira 2 de Pontevedra visitaban a área arqueolóxica de Ponte Caldelas, unha das contornas con algunhas das mellores insculturas pétreas conservadas.
Os escolares de segundo curso de Primaria, acompañados de catro profesores, puideron apreciar os petróglifos e o centro de interpretación. Esta visita súmase ás máis de vinte realizadas por centros educativos no que vai de ano a este espazo de valor patrimonial situado en Tourón.
A área arqueolóxica está a mellorar as súas instalacións coa estrea de novos paneis de sinalización para contemplar as cinco estaciones de petróglifos cunha reprodución exacta do seu deseño e achegando todos os datos para que calquera visitante comprenda a importancia que teñen os elementos de Outeiro da Foracedela, o Coto das Sombriñas, a Laxe das Cruces, o couto de Siribela e o Nabal de Martiño.
Tamén se limparon os carreiros que comunican os diferentes puntos e realizáronse reparacións no edificio do Centro de Interpretación. Ademais completouse a reparación do valado exterior e está previsto acometer unha limpeza especializada de vexetación invasora nas 15 hectáreas de superficie.
O Concello de Ponte Caldelas tamén se sumou á campaña emprendida por investigadores galegos que reclama á Xunta de Galicia que solicite ante a Unesco a declaración dos petróglifos de Galicia como Patrimonio da Humanidade.