Cada ano prodúcense máis de 400 millóns de toneladas de plástico e menos do 10 % recíclase. Estímase que entre 19 e 23 millóns de toneladas de refugallos plásticos terminan cada ano en lagos, ríos e mares.
Por iso na mañá deste luns, voluntarios e voluntarias da Asociación Amicos acompañados de 130 escolares de IES Faro das Lúas, e traballadores de Pan do Mar, levaron a cabo unha acción de sensibilización e recollida de residuos mariños na praia das Sinas, en Vilanova de Arousa.
O persoal de Amicos comezou cunha acción de sensibilización para todos os participantes e para adquirir as competencias, habilidades e actitudes necesarias para coñecer todo o relacionado co coidado medioambiental.
Ao finalizar a gran recollida, lograronse recoller 25 quilos de plásticos, 12 de mestura e 2 de vidro. Un total de 39 quilos de residuos.
Desde a empresa Pan do Mar, Natalia Escourido, calificou a actividade de “moi beneficiosa para a sociedade. Estas accións reúnen todos os requisitos que buscamos como o coidado do mar, a sensibilización dos máis novos ou a inclusión das persoas con discapacidade”. Avanzou ademais que o próximo ano volverán colaborar con Amicos.
Miguel Beiro, responsable de emprego e empresas de Amicos, quixo dar as grazas a todos presentes e comentou que neste 2023 “levamos recollidas case 1 tonelada de lixo en todas as nosas acción de sensibilización e limpeza medioambiental”. Así mesmo, aproveitou para dar as grazas por esta alianza xa que “é unha aposta para poder continuar realizando estas accións ambientais".