Un importante número de iniciativas impulsaranse desde o Concello de Poio con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Este xoves, Silvia Díaz, concelleira de Igualdade e Raquel Morales, directora do Centro de Información á Muller (CIM) de Poio presentaban as actividades.
As propostas realizaranse durante varios días con citas culturais e de lecer, ademais de reivindicativas. Entre elas destaca a homenaxe a cinco veciñas do municipio, unha por parroquia, no acto que está previsto para o día 6 ás 19.30 horas no Casal de Ferreirós.
As homenaxeadas son María del Carmen Rodiño Porto (San Salvador), Teresa de la Fuente (San Xoán), Divina Barreiro Gómez (Combarro), Genoveva Sanmartín Peón (Samieira) e Manuela Gómez Ansín (Raxó). Estas veciñas, segundo a concelleira Silvia Díaz, son merecedoras deste recoñecemento e dunha visibilidade pública por ser exemplo do esfuerzo e de superación para as xeracións máis novas.
A agrupación Polo Correo do Vento continuará co seu Proxecto Mulleres de Poio, que en 2019 publicaba o libro, ilustrado por Tania Solla, no que Rosalía narraba as vidas das cinco mulleres protagonistas da homenaxe durante ese ano. Nesta ocasión sucederá o mesmo cunha publicación que terá unha tirada de mil exemplares e ofreceranse imaxes de cada ilustración das mulleres homenaxeadas nos MUPIs do municipio.
Tamén ao longo deste mes, os cinco CEIPs de Poio acollerán sesións de contacontos con música destinados a escolares de terceiro a sexto de Primaria. Desta forma, os máis pequenos coñecerán a traxectoria vital das cinco veciñas homenaxeadas.
O inicio da programación con motivo do Día da Muller será o mércores 4 de marzo coa proxección da curtametraxe 'Mulleres no 8M', ás 20.00 horas no Casal de Ferreirós. Tamén se proxectarán unha serie de películas de curta duración relacionadas co 8M e coa igualdade, cedidas pola ACDeM Armadiña. A continuación haberá unha charla sobre o contido das obras audiovisuais, que quedarán ao dispor do IES Poio como recurso para traballar sobre os roles femininos positivos ao longo do curso.