O 30 de xaneiro, como cada ano desde 1964, celébrase o Día Escolar da Non Violencia e a Paz, recoñecido pola UNESCO.
Nesta xornada conmemórase o aniversario da morte de Mahatma Gandhi, quen trasladou a mensaxe do amor universal fronte ao egoísmo, a non violencia fronte á violencia e a paz fronte á guerra.
É un día especial en todos os colexios, a pesar de que non é festivo, fanse diferentes actividades nos que se pide a paz mundial, coa pomba como o símbolo por excelencia.
O Concello de Poio quixo sumarse a esta conmemoración nos centros de ensino de infantil e primaria do municipio, para fomentar a linguaxe respectuosa e o trato amigable poñendo en valor "as palabras máxicas que poden cambiar o mundo".
O alcalde Ángel Moldes e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, visitaron algúns destes colexios, nos que repartiron entre o alumnado as variñas para facer maxia coas palabras que un a un foron introducindo nun gran sombreiro: aperta, perdón, amor, amizade, respecto, tranquilidade, sorriso, compañeirismo, desculpa, empatía, grazas...
Estas palabras, segundo explicaron á rapazada, "contribúen a percibir o mundo dun xeito máis amoroso e acadar unhas relacións humanas de calidade".
"Este ano queremos acompañar a palabra paz doutras que son igual de importantes e necesarias nas nosas vidas e ás que temos que darlles moito uso no noso trato diario, no colexio, coas nosas familias, coas nosas amizades, na nosa comunidade... ", destacou Moldes.
Nas aulas, o alumnado co seu profesorado traballaron en dar con esas palabras e, posteriormente, cada centro preparou un recuncho máxico, cun gran mural e un sombreiro no que cada alumno foi depositando a súa palabra especial.
