A Escola de Música de Sanxenxo recupera a súa actividade con 224 alumnos e lista de agarda en adultos

Sanxenxo
11 de novembro 2024

As obras de mellora no Pazo Emilia Pardo Bazán atrasaron o inicio do curso que comezará en oito aulas e o salón de ensaios

Escola de música de Sanxenxo
Escola de música de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

A Escola Municipal de Música de Sanxenxo comezou este luns o curso con 224 matriculacións e lista de agarda en adultos aos que se espera poder dar cabida conforme avancen as clases.

O alumnado recibirá formación musical no Pazo de Emilia Pardo Bazán repartido en 8 aulas e o local de ensaios.

As obras da reforma integral que se están acometendo no Pazo obrigou a atrasar o inicio de curso e a habilitar aulas, así como os despachos de Cultura e Educación, para a formación musical.

A concelleira de Educación, Nati Parada, comentou que "as obras trastocaron o inicio do curso, pero vai merecer a pena polo resultado e pola mellora que vai supoñer para os usuarios das instalación", dixo.

A escola oferta, do mesmo xeito que en anos anteriores, a formación de Iniciación Musical e Música e Movemento para alumnado de 3 a 6 anos e 15 especialidades instrumentais de oboe, frauta, clarinete, saxofón, fagot, trompa, trompeta, trombón, tuba, bombardino, percusión, violoncelo, contrabaixo, guitarra e piano.

O equipo docente está formado por 15 profesores e o director, Benjamín Dorado, que se encargan da educación musical do alumnado desde a base ata que son adultos.

Durante este curso, está previsto continuar coas audicións públicas onde as familias poderán ver os avances e prevese realizar tamén algunha actuación no exterior, nunha praza ou espazo aberto do municipio.