Escape room, cabaré, cinema e música, propostas do 'Vilagarcía Diversa e Orgullosa'

O Salnés
15 de xuño 2022

Este evento, promovido pola Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía, procura sentar bases para a normalización do colectivo LGTBI+ e vai desenvolverse entre o 28 de xuño e o 2 de xullo con diferentes actividades. Xa está aberto o prazo de inscrición para participar nas dúas sesións gratuítas de escape room

Cartel de 'Vilagarcía diversa e orgullosa'
Cartel de 'Vilagarcía diversa e orgullosa' / Concello de Vilagarcía de Arousa

Este ano regresa 'Vilagarcía Diversa e Orgullosa', un evento que se desenvolverá entre o 28 de xuño e o 2 de xullo, promovido pola área de Igualdade do Concello de Vilagarcía de Arousa co obxectivo de reivindicar os dereitos, visualizar e normalizar ao colectivo LGTBI+.

O martes 28 póñense en marcha as dúas sesións do escape room gratuíto. Segundo indican desde o Concello esta actividade atópase organizada por Apaioga, a Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades de Galicia. É preciso inscribirse previamente na web municipal ata o 22 de xuñocubrindo o formulario específico da sede electrónica. Tamén se pode presentar a solicitude  presencialmente nas dependencias de Igualdade do Concello.

A primeira sesión da Escape Room comezará ás 19.00 horas mentres que a segunda chegará ás 21.00 horas. Poderán apuntarse persoas maiores de 14 anos. O número de prazas atópase limitado a dez persoas por sesión. A proposta consiste en identificarse e fuxir da "heteronorma".

O mércores 29 de xuño proxectarase 'Solo nos queda bailar', unha película sueca dirixida por Levan Akin na que se narra a historia de amor homosexual entre o bailarín dunha compañía de danza e o seu maior rival. Organizada a través do Cinema Club Adega, a entrada é libre ata completar a capacidade do Salón García. A proxección iníciase ás 21.00 horas.

O sábado 2 de xullo poderase ver un pasacalles a cargo de Trad Cabaré polas zonas do centro de Vilagarcía con baile e teatro fusionados con música, danza e cabaré. Tamén nesa xornada, na rúa Méndez Núñez, ofrecerase unha sesión musical a cargo da dj Yaya, actividade organizada en colaboración con O Soño de Lilith, que instalará unha carpa para informar sobre os recursos ao colectivos LGTBI+.

Segundo o departamento dirixido pola concelleira Tania García, todas as propostas pretenden reivindicar de forma lúdica a loita por unha sociedade máis inclusiva e igualitaria, na que a identidade sexual non condicione os dereitos da cidadanía.